Ademais o rexedor municipal incide en que “é o momento, cando o concello triplica a poboación, de que a Xunta de Galicia reforce o persoal médico, da mesma maneira que os concellos temos que aumentar o persoal en recollida de lixo, limpeza e salvamento de praias, limpeza viaria e outros servizos. É moi importante ter en conta a poboación real dos concellos da costa en verán”.
Ante a nova redución de aforos no interior da hostalería e as dificultades de acceso para aqueles que non teñen a pauta de vacinación completa, Fran Cajoto reitera “o compromiso do Concello para facilitar a instalación de terrazas en espazo público, sempre que sexa tecnicamente posible, previa petición e coas medidas de seguridade oportunas. A anulación do cobro das terrazas que aplicamos desde mes de maio facilita que os locais poidan seguir coa súa actividade nuns meses que son cruciais. O que nos trasladan é que necesitan e queren traballar. Na práctica totalidade do sector estase actuando de forma moi seria e responsable e desde o Concello queremos facilitar ese traballo”.