Ribadeo, 2 de xullo de 2021. A Concellaría de Cultura presentou a programación para este verán que dará comezo hoxe cun espectáculo de danza en Rinlo. Ademais, a segunda fin de semana de xullo, haberá cine sobre Emigración galega. Cultura de partida, culturas de destinos e tamén teatro de rúa en cinco localizacións da vila.
Teatro, exposicións, actividades para as crianzas, concertos da Banda Municipal de Música, dous novos concertos do proxecto Versión Fin, en Rinlo e en Cedofeita, ou a actuación de Xacarandaina son outras das propostas para o terceiro trimestre do ano en Ribadeo.
Pilar Otero anunciou que “comezamos a nosa programación cultural de verán en Rinlo, ao abeiro dos actos programados polo Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia, con Propulsa, unha proposta de danza para as oito e media, na praza desta vila mariñeira tan emblemática. Actuarán tres compañías con cadanseu espectáculo, Entremans, Ixa Universos en Movemento e Colectivo Globo. Ademais Emigración galega. Cultura de partida, culturas de destino ocupará a segunda fin de semana de xullo. Proxectaranse tres películas arredor de países de chegada, Os últimos de Filipinas, Guantanamera e Roma, poñendo o foco respectivamente en Cuba, México e Filipinas. Por outra banda, haberá teatro de rúa en cinco localizacións da vila a cargo doutras tantas compañías organizadas polos integrantes do colectivo As Vacas Fracas. Esta actividade terá lugar o sábado, á tarde-noite, e o domingo pola mañá. Inspiradas na saída dos emigrantes, estas pequenas montaxes teatrais suporán un percorrido guiado para grupos limitados de persoas, comandados por ciceronas, e para os que haberá que reservar praza. O achegamento ao noso pasado migratorio vaise completar, no seu momento, cun mural de Joseba Muruzabal na parte histórica da vila, e non será o único”.
A edil de Cultura explicou que “en canto á música, contaremos con Narcis Rodríguez, no mes de xullo, e un ano máis co ciclo Soa Forte, no Forte de San Damián. Catro domingos de agosto acollerán as actuacións de Remakers, Beetle Judge, Roma e Astra. Tamén acollemos a programación Orballo Cultural, os días 30 e 31 de xullo, con catro concertos moi especiais que daremos a coñecer nas vindeiras semana. Ademais baixo o abano do Festival Bal y Gay, a música clásica estará representada polo concerto do pianista Javier Perianes, e outro de tipo didáctico para as crianzas. Tamén están previstas actuacións nas residencias de maiores de Ribadeo. Ademais unha das formacións máis senlleiras no eido da música e do baile tradicional, Xacarandaina, actuará tamén da man de Quique Peón o 24 de xullo. A nosa Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá os concertos do Día da Patria, de Música de Cine e do Día da Patroa. Mestura de música audiovisual son os dous concertos restantes do proxecto Versión Fin, levado a cabo polo director de cine documental e de ensaio Iván Torres e, na última fin de semana de agosto, farase a proxección ao aire libre na praza de Rinlo, un día, e nos xardíns do Pazo de Cedofeita, o outro”.
Otero Cabarcos seguiu a relatar que “o apartado expositivo tamén é abondoso. Temos exposicións que dun xeito ou doutro xiran arredor do mar. Este mesmo domingo remata a exposición de fotografía submariña do Galeón de Ribadeo. En agosto a oficina de turismo acollerá as pezas de modelismo naval de Baldomero Bellón e no Forte de San Damián teremos oportunidade de ver a colección de cunchas e fósiles de David López. Ademais vai ser impresionante para todos os visitantes do Forte a mostra de fotografía que vai ocupar as súas salas con imaxes de África, centradas na muller africana e no seu papel de nai, o título é A nai que nos paríu e a autoría e de Nacho Samper e Nacho Carballo. Durante todo o verán, xestionadas pola área de Turismo, ofreceranse visitas guiadas, visitas teatralizadas e xeorutas polo noso concello. Pódese obter máis información sobre estas visitas e rutas na web de Turismo do Concello de Ribadeo. Finalmente ocupará a rúa a exposición de fotografías que Xulio Xil lle fixo a Xela Arias, a autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas. Ademais una mostra de diferente cariz é a que, tamén en exterior, quere achegarnos a unha alimentación sa, o título é Alimentación cotiá, unha ollada ao pasado e ao presente”.
A concelleria de Cultura dixo que “este ano tamén unha das nosas asociacións máis dinámicas, a Agrupación Cultural Francisco Lanza, celebra os seus cincuenta anos poñendo en valor a cultura galega en xeral e a ribadense en particular, cunha programación que organizada co Concello de Ribadeo, en dous días, vai incluír música, recitados e percorridos culturais. En canto ao teatro para adultos, e ao abeiro do ciclo Escena Norte da Xunta de Galicia, a compañía cántabra Anabel Díez Producciones presentará no noso auditorio municipal La casa de Bernarda Alba. Para as crianzas, este verán xa podemos confirmar a presencia de Pakolas e de Peter Punk, así como o concerto didáctico de música clásica dentro da programación que se fai en colaboración co Festival Bal y Gay”.
Pilar Otero contou que “setembro xa vai ser un mes parcialmente escolar e o Concello quere aproveitar ese período máis tranquilo de comezo das clases para garantir que o maior número posible de nenas e nenos coñeza as artes escénicas. Cos dous colexios de Ribadeo, organizado pola Biblioteca Municipal a través do programa Ler conta moito, imos asistir aos espectáculos de Raquel Queizás Teatro dos Ghazafelhos e Moc Moc Mere Clown. A maiores, eses mesmos centros poderán gozar da exposición Kinético, con pezas articuladas ideadas pola compañía Trécola. Fora do horario escolar, a finais de setembro, a área de Xuventude organiza Orienta Ribadeo, unha proba de aventura para toda a familia”.
A edil ribadense engadiu: “non queremos rematar esta presentación sen agradecer a colaboración de persoas particulares, nomeadamente os artífices das exposicións e á propietaria do Pazo de Cedofeita. Tamén a entidades como a Xunta de Galicia, a través do programa Xacobeo 2021-2022, e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Ademais teremos algunha sorpresa máis que iremos anunciando ao longo do verán”.