O importe das obras a realizar nos vindeiros meses supón un total de 236.739,27 euros, dos que preto de 160.000 se corresponden coa renovación da rede de abastecemento de auga potable que baixa a Remior e na que se leva anos sufrindo roturas que supoñen un alto custo en arranxos, ademais da importancia nos cortes que se producen e que afectan a unha zona moi ampla, na que ademais, hai varias gandeirías. Esta obra acométese ao abeiro dun convenio entre o Concello de Barreiros e a área de medio rural da Deputación de Lugo.
Adecentamento de espazos para uso veciñal.
Xunto coa renovación deste abastecemento, o goberno local aprobou a adxudicación da instalación dunha pista multideporte a carón do colexio de San Cosme, nunha zona na que se proxecta dotar de diversas zonas de ocio e esparexemento para a mocidade.
A alcaldesa explica que “esta actuación insírese nunha serie de intervencións que o goberno municipal ten proxectadas para lograr espazos de uso público nas diferentes parroquias que se adapten ás distintas idades e usos.” Neste sentido, tamén veñen de adxudicar a mellora dunha área a carón das escolas de Vilamartín Pequeno, dotándoa de mobiliario e adecentándoa para uso veciñal. Estas dúas actuacións desenvólvense con finanzamento da Xunta de Galicia.
Mellora de vías municipais.
A última das adxudicacións aprobadas foi a mellora de varias vías municipais en San Xusto, Vilar, Benquerencia e Sarxendez. Trátase de actuacións realizadas coas baixas obtidas na adxudicación do Plan Único do 2021 e suporá o arranxo de preto de 1,5kms distribuídos en sete viais que se atopan en mal estado.
Estas vías súmanse aos preto de 8km que forman o principal do Plan Único e que tamén se executarán despois do verán. O total investido no arranxo de camiños con abeiro ao plan provincial neste ano 2021 ascende a 174.852,65 euros.