Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira a Tomé: “No goberno da Deputación tamén hai que facer cambios; se algo vai mal, hai que recoñecelo e modificalo”

Lugo, 12 de xullo de 2021. O goberno provincial sufre unha parálise evidente. Pódese comprobar en distintos ámbitos da xestión, pero moi concretamente no mantemento da rede viaria da Deputación. Agora que Pedro Sánchez recoñece pola vía dos feitos que moitos dos seus ministros foron ineficaces, é un bo momento para que o presidente da Deputación, José Tomé, acometa unha remodelación do seu goberno e faga cambios nas delegacións, empezando pola de Vías e Obras, cuxa falta de eficiencia está sobradamente comprobada. Así o sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira: “ Despois de case dous anos parece que Sánchez recoñece a ineficacia dos seus ministros para xestionar os asuntos importantes, que afectan a todos os lucenses, e decidiu remodelar gran parte do seu equipo; non sabemos como vai resulta iso. Pero o certo é que aconsellamos ao presidente da Deputación, señor Tomé, que tome nota e faga o mesmo, porque a situación na Deputación de Lugo é parecida ou peor”.

En opinión de Castiñeira, “a Deputación precisa cambios, porque toda a provincia sabe que o delegado de Vías e Obras, José Tomé, está ausente e de aí vén gran parte dos problemas”. A este respecto, o portavoz popular di: “Todas as semanas hai queixas veciñais, que non son atendidas por ninguén, e botamos en falta ao señor Tomé. Hoxe son os veciños da Veneira en Brollón, e os de Uriz, en Begonte, os que protestan. Todas as semanas son moitas as asociacións que demandan arranxos nas vías provinciais”.

Castiñeira di: “Pedímoslle a Tomé que promova cambios e especialmente en Vías e Obras. Xa llo pedimos hai varios meses. O malo é que Tomé non confía no seu equipo e parécelle que todo ten que pasar por el, o cal nos está a levar a unha Deputación egocentrada, na que incluso os seus socios de goberno (BNG), son incapaces de esixirlle cambios. Sabemos de alcaldes do BNG que non entenden como a Deputación ten as estradas como están”.

Os populares avisan a Tomé de que “non se durma porque en calquera momento terá aos rexedores do BNG petando cos cascos nas portas de San Marcos”, como fixeron eles recentemente para denunciar o mal estado das vías provinciais.

Exit mobile version