Ribadeo, 3 de xullo de 2021. Esta mañá foi izada a bandeira azul na praia das Catedrais. No acto interviñeron o alcalde, Fernando Suárez, e o presidente de Adeac, José Palacios.
O rexedor dixo que “estamos orgullosos polo que significa, porque levamos moitos anos recibíndoa. Nalgún momento esta praia non a tivo, tentamos corrixir os fallos e desde aquela estámola renovando cada ano. Supón para nós un orgullo moi grande ver tantos socorristas, aínda que non son todos os que necesitabamos, porque como sabedes queriamos cubrir o servizo con 17 e a día de hoxe temos 13. E temos unha nova convocatoria andando para ver si é posible que veña algún reforzo máis para que poidamos dar o mellor servizo”.
Suárez Barcia sinalou que “en todo caso nestas praias de bandeira azul tentaremos dalo sempre, se non é posible teremos que arriar a bandeira, pero vamos tentar que ningún dos días do verán pase iso”. Ademais das Catedrais tamén conseguiu a bandeira azul o areal de As Illas-Os Castros. E o distintivo azul foi renovado polo paseo que une As Aceas coa Illa Pancha.
O alcalde de Ribadeo destacou que “no momento actual, no momento que vivimos, momento de reconstrución dalgunha maneira, a importancia que supón a bandeira azul como garante de calidade e de servizos. E qué mellor servizo á cidadanía e a todos e todas os que nos visiten durante este longo verán que verse arroupado por tanto profesional, de socorrismo, de atención sanitaria, de atención turística… entre todos e todas vamos seguir poñendo a Ribadeo no mundo como unha estreliña pequeniña, pero que sigue brillando e brilla para todo o mundo”.
O presidente de Adeac, José Palacios, manifestou que “es una satisfacción ver que hay muchas cosas que se están logrando, estamos logrando disminuir al máximo el número de muertes por cualquier motivo en las playas con bandera azul en el litoral español. Y es porque exigimos criterios de calidad, como ha comentado el alcalde”. E dirixiuse aos socorristas: “lo más importante de vuestro trabajo es la prevención, después de eso si tenéis que hacer algún rescate hacedlo con garantías y finalmente los primeros auxilios. De las 200.000 intervenciones que se hacen de primeros auxilios en las playas españolas con bandera azul, solo el 1,8% son derivadas a los hospitales”.
Asistiron ao acto do izado da bandeira azul na praia das Catedrais o presidente do Real Club Náutico de Ribadeo, Juan Calvo-Sotelo; o presidente e o xerente de Acisa, Francisco Iriarte e Jesús Pérez; representantes das asociacións veciñais da Devesa; e os concelleiros de Medio Ambiente e Turismo, Jorge Díaz e Pablo Vizoso. A bandeira foi izada por Rodrigo Fernández, un neno madrileño, que se atopaba na zona cos seus pais. O alcalde, Fernando Suárez, agradeceulles a todos eles a súa presenza.