Ribadeo, 16 de xullo de 2021. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade deu inicio ás obras de rehabilitación integral do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Gregorio Sanz de Ribadeo, que foron adxudicadas en 955.000 euros. Tras a formalización do contrato o pasado día 13, hoxe mesmo procedeuse á sinatura da acta de replanteo coa que comeza o prazo de sete meses estimado para a execución dos traballos.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou que se trata dunha intervención ambiciosa que mellorará a estética, o confort e a eficiencia enerxética do centro, e indicou que se avanzará nos traballos máis complexos durante o verán, programando o resto das tarefas de xeito que non interfiran no normal desenvolvemento da actividade lectiva.
A reforma do colexio ribadense enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que supón un cambio de enfoque para adaptar os espazos escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas de cara á vindeira década.
O proxecto incide no obxectivo de lograr instalacións máis eficientes e respectuosas co medio ambiente. Os traballos neste apartado reportarán un aforro anual do 44% tanto no consumo enerxético final do centro como en emisións contaminantes á atmosfera. En concreto, no que se refire ao gasto en calefacción prevese un aforro de máis do 62%.
Para elo, a intervención incluirá o illamento de fachadas e cuberta, redución de pontes térmicas, substitución da carpintería exterior e vidros, e reforma da iluminación, cambiando as luminarias por outras de tipo LED con regulación lumínica e detectores de presencia nas zonas comúns, entre outras medidas.
Tamén se contemplan reformas en paredes, pavimentos ou falsos teitos, reparacións nos porches e outras accións para mellorar a imaxe e a confortabilidade do centro.