Ribadeo, 1 de xullo, 2021. Para poñerlle o broche a este curso marcado pola pandemia, un dos últimos actos académicos celebrado no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo foi a Graduación da promoción de 2º Bacharelato do 2021. Unha sinxela pero merecida celebración coa finalidade de darlles os parabéns por ser capaces de rematar o seu paso polo instituto de forma brillante a pesar das duras condicións impostas pola Covid-19. Está claro que son un bo exemplo a seguir e un orgullo para o profesorado e para as familias. Deixan a que xa será para sempre a súa casa, cargados de coñecementos pero tamén levan adquiridos outros valores como a responsabilidade, a empatía, a resiliencia e a actitude positiva, imprescindibles para a vida. Parabéns a todos e a todas!
Ademais, catro destes alumnos e alumnas participaron no “Acto de recoñecemento ao mellor alumnado de centros de ensino medio de Galicia” organizado pola Universidade de Santiago de Compostela no marco do seu programa “A Ponte entre o ensino medio e a USC”. Trátase de Javier Pérez Vargas, Juan López Acebo, Violeta Carrero Isla e Ainhoa Baldonedo Vila, que acadaron unha nota media superior a 9 entre o bacharelato e a fase xeral da ABAU. Noraboa novamente.
Como dixo Nelson Mandela: “A educación é a arma máis poderosa que se pode usar para cambiar o mundo” e o profesorado está seguro de que a usarán todos e todas moi ben.
Finalmente, Susi Besteiro, directora saínte do IES Ribadeo Dionisio Gamallo quere manifestar no nome de toda a Comunidade educativa os mellores desexos para o novo equipo directivo encabezado por Modesto Refojo que contará coa axuda de Laura Berciano, Mónica Fiallega, Ana Mauriz e Paula Rodríguez.