Compostela, 22 de xullo, 2021. O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar e a Universidade de Santiago (USC) para minimizar o impacto das patoloxías bacterianas en criadeiros de moluscos bivalvos, impulsar a produción de semente nestas instalacións e avanzar na posta a punto de procedementos microbiolóxicos de manexo en criadeiro. A esta colaboración o Executivo galego destina un total de 162.200 euros a distribuír nas anualidades 2021, 2022 e 2023 coa finalidade de compensar os custos nos que incorre a USC para o desenvolvemento dos labores que abarca esta acción.
Este traballo pretende ao mesmo tempo integrar por parte da USC nunha única actividade o seguimento das actuacións microbiolóxicas nos cultivos de moluscos bivalvos realizado ao abeiro das accións de investigación despregadas nas distintas instalacións de cultivo da Consellería do Mar. Deste xeito búscase racionalizar a xestión destes labores.
O estudo centrarase no binomio fitoplancto-larvas como eixo principal para o control microbiolóxico do criadeiro de bivalvos e da dinámica dos patóxenos bacterianos co fin de minimizar o seu impacto no cultivo larvario dos distintos bivalvos. Esta determinación realízase tendo en conta os resultados de traballos conxuntos anteriores entre ambas partes, que reflicten que os principais patóxenos larvarios que limitan o avance da produción en criadeiro parecen estar asociados á instalación e/ou condicións de cultivo.
Con esa finalidade a investigación abarca entre as súas tarefas o estudo de dificultades na produción nas instalacións de cultivo do CIMA de Ribadeo e do Instituto de Formación en Acuicultura (Igafa), dependentes da Consellería do Mar para detectar posibles patóxenos nas especies en diferentes etapas de cultivo. Tamén inclúe a análise global dos datos biolóxicos-microbiolóxicos integrados dos criadeiros do CIMA de Ribadeo e do Igafa e o estudo de diferentes tipos de cultivo de fitoplancto, a súa incidencia e factores que inflúen na proliferación de patóxeno. Entre os labores que prevé esta acción tamén están as estratexias no ciclo de produción que buscan optimizar os protocolos existentes e tamén deseño doutros novos segundo os resultados que se vaian obtendo.
Os avances deste proxecto presentaranse en congresos e reunións científicas e o convenio de colaboración estará vixente desde a data da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2023 e poderá ampliarse de mutuo acordo. Co obxectivo de asegurar o debido cumprimento do acordo crearase unha comisión de seguimento formada por dous membros da Consellería do Mar e outros dous da USC.
Aposta pola produción de semente
Esta acción de investigación concorda con outros traballos entre a Consellería do Mar e a USC como as colaboracións seladas no 2019 para estudar melloras na produción de semente en criadeiros e o desenvolvemento larvario dos bivalvos con ese mesmo obxectivo para favorecer o abastecemento do sector e así incrementar a produción marisqueira e os ingresos dos profesionais do sector.
Trátase dunha aposta que tamén se ve reflectida no proxecto proposto pola Consellería do Mar para captar fondos europeos Next Generation e que entre as súas accións prevé un plan integral de recuperación e reforzo da produción de moluscos bivalvos nas rías de Galicia.
Este plan ten entre os seus fins avanzar na coordinación dos esforzos e capacidades de investigación existentes neste ámbito e na aplicación demostrativa do coñecemento dispoñible asociado a estes recursos.