Cervo, 19 de xullo, 2021. A ministra de Industria, Reyes Maroto, e o presidente de Alcoa, Roy Harvey, reuniranse este luns nos EEUU nunha entrevista que debería servir para desbloquear un enquistado proceso de venda. Hai cando menos catro empresas interesadas pola planta de aluminio de San Cibrao. Un dos posibles compradores reúne todas as condicións para a venda, outro estaría moi próximo e con outros dous teríase que negociar. Malia todo, as diferenzas entre Alcoa e o Goberno frean a venda. A multinacional aspira a que a SEPI exerza un papel central no traspaso. O Executivo insta á compañía para completar sen tutela a operación. Mentres os traballadores chaman a unha mobilización hoxe luns en Río Cobo, ás 18h.
A mesa celebrada este xoves só deixou algo claro, que hai interés por facerse coa factoría de San Cibrao. Un grupo estaría próximo a asinar contrato, mentres que outros tres necesitarían algunha negociación a maiores. Malia esa boa situación, a negativa do goberno de non intervir mediante a SEPI a fábrica, afasta a curto prazo o obxectivo da continuidade da produción de aluminio en San Cibrao. Os traballadores, fartos da situación de bloqueo, volven ás mobilizacións para deixar claro que a loita continúa mentres non se despexe a solución á permanencia da fabricación e os postos de traballo. De xeito inmediato anuncian unha acción sorpresa para o luns 19 en Río Cobo para amosar que non admiten que o goberno do estado mire cara outro lado ás iniciativas aprobadas no parlamento pola maioría de forzas pedindo unha intervención, cando menos temporal, da fábrica.