Hoxe atopei un coñecido que, a modo de saúdo, dime ‘estou sen vacinar!’. A conversa (el ten máis de 50 anos) pasou a desenvolverse máis ou menos nos seguintes termos:
– /Pois?
– O caso é que non teño móbil. Pasei polo Centro de Saúde varias veces, pero polo momento non teño vez. Vou agora alí por outra cousa, e volverei a tratar de conseguir unha cita para a vacinación. Non teño móbil e parece que non se lles ocorre que poden enviarme unha carta á casa.
– /Pois parece que a cousa vai ir a peor.
– Como?
– /Digo, que parece que o da conexión das administracións vai ir a peor, que cada vez vai ser máis difícil.
– Ah! Si, cada vez está peor
Seguiron aínda un par de breves intercambios, pero o fundamental estaba dito. Continuou cara ó Centro de Saúde co seu andar típico e a máscara negra en medio da rúa semi baleira e a ‘quinta vaga’ en boga.
Non é a primeira vez que se me pasa pola cabeza o alleamento real causado polo achegamento dixital/telemático. Pero hoxe, este caso concreto, levoume a lialo con que este artigo estarás a lelo nun formato dixital. Raro será que o vexas en papel cando os lugares en que vai aparecer son páxinas na rede. Non sempre fago artigos ‘só dixital’, pero este si estaba previsto que o fose, xa antes de ter o tema.
Volvendo ó coñecido, é unha persoa que dende hai tempo manexa internet, non é un negacionista dixital – tampouco antivirus – nin ninguén que viva no curuto dun monte apartado. Non, sinxelamente, non ten móbil. É dicir, non hai que procurarlle os tres pés ó gato, nin explicacións ad hoc. Non ten móbil. E punto. E hoxe, o móbil está incorporado ás necesidades sociais de diversos xeitos. Incorporado ás necesidades impostas, pero non ós servizos debidos. Tamén, de forma importante, esa imposición é cousa das administracións. En tempos, a imposición era ter un enderezo postal, unha ‘casa’ onde poder recibir comunicacións. Hoxe, é o móbil e o correo electrónico como base para conseguir o certificado dixital ou equivalente que te achegue ó tempo que te afasta da administración. Básico o depender das compañías de telecomunicacións, o mesmo que dos bancos: obrigado pagar impostos por vía bancaria, entre outras moitas cousas. E para unhas e outras, hai que desviar unha parte dos cartos do mes, obrigado pola regulamentación administrativa. Se non, estás fóra. Fóra da sociedade, pasas a ser infra, unha especie de infrapersoa que ve como outra xente – poucos – convértese polo contrario en supra, ‘clase supra’, suprapersoas por riba dos máis, mesmo por riba da lei na práctica.
Como remate, esas ‘infrapersoas’ comparten xenes e humanidade (aínda que a algúns non llo pareza) coas ‘suprapersoas’ para as que parecen invisíbeis. E virus. E así dáse o paradoxo que por unha sinxela segregación social doutros que non poden protexerse, os uns poden contaxiarse e sufrir. Ó final, aínda que non nos decatemos, todos somos prexudicados por esas diferenzas que asoman en cousas creadas pola humanidade, como os cartos ou a tecnoloxía.