Site icon Crónica3.com A Mariña

Dany seguirá sendo laranxa

Burela, 28 de xullo, 2021. Seguimos con boas noticias nas filas das Guerreiras. A ferocidade da pivote hispano-brasileira Daniela Domingos tamén renova o seu compromiso con Pescdos Rubén Burela FS para a próxima tempada na que será nin máis nin menos que a oitava defendendo o 3 laranxa. “Este equipo ensinoume a ter éxito, a mellorar como persoa e a ser unha gran xogadora. Pescados Rubén Burela FS é a miña segunda pel; é un club que fixo moito por min; co meu traballo tento devolver cada día toda esa confianza”.

O Pescados Rubén Burela FS estreará 2021-22 coa bitola de campión de todo e co reto de máximo manterse no máis alto, co 18 de setembro como punto de partida. Dany convértese na novena peza das mariñás, coas renovacións de Sandra Buzón e Cami, a continuidade de Ale de Paz, Leti, Jenny e Cilene e as novidades das internacionais españolas Irene Samper e Elenita: “Estamos a reforzarnos moi ben, con xogadoras de grandísima calidade, que destacaron nos seus equipos de procedencia. Tamén poderemos contar co regreso de xogadoras de grandísimo nivel individual que estiveron lesionadas. Con esta base, o equipo seguirá a liña destas dúas últimas tempadas, de ir a por todos os títulos, de conquistalo todo. Queremos que a afección siga gozando co noso fútbol sala e que o nome de Pescados Rubén e Burela siga brillando nas noticias de referencia neste deporte”.

Aos seus 37 anos, a internacional española afronta esta oitava tempada coma se fose a primeira, nun dos seus mellores momentos: “A miña forma de pensar é a do primeiro día: traballar, adestrar e sempre respectando a compañeiras e rivais, tendo moi presente que nada está gañado de antemán. Traballo, constancia e determinación, esa é a base, sempre con moita humildade, sen crer ser mellor que ninguén”, así é Dany.

Exit mobile version