O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, explicou que “estamos iniciando a segunda fase do saneamento do barrio de Cinxe, na parroquia da Devesa. O orzamento de licitación ascendeu a 53.500 euros, sendo financiado pola Deputación de Lugo, a través do Plan Único, e máis polos fondos propios do Concello de Ribadeo. O adxudicatario da obra, como mellor oferta, foi para a empresa Desarrollos y Metas S.L. e o prazo de execución será de dous meses”.
O edil ribadense indicou que “estas obras veñen continuar o feito de meses atrás no tocante á preparación dos viarios municipais para agora proceder á canalización de tubaxes de PVC que recollan os vertidos desa zona e levalos ata un pozo de bombeo existente que está conectado á rede xeral de saneamento. A lonxitude total é de 750 metros e terá trece pozos de rexistro. Tamén hai que indicar que haberá un tramo por debaixo da estrada N-634, que irá cunha perforación horizontal dirixida, o que se coñece vulgarmente como toupo. Estas obras tamén contemplan a colocación dunha tubaxe de impulsión de 185 metros de lonxitude e un equipo de bombeo para augas fecais composto por dúas bombas, tipo trituradoras, unha en servizo e outra en reserva”.
Os traballos foron supervisados polo alcalde, Fernando Suárez, e polos concelleiros de Obras e Medio Rural, Mónica Freire e Marcos Villamil.