Ribadeo, 21 de xullo de 2021. Nas últimas horas foi inaugurada no Forte de San Damián a exposición titulada Cunchas, Fósiles e Insectos de David López. A mostra poderá visitarse ata o 25 de xullo en horario de 11:30 a 13:30 e 18:30 a 20:30 horas, agás a fin de semana que só estará aberta pola tarde. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, anima á veciñanza e aos turistas a ver e a disfrutar desta mostra.
Otero Cabarcos dixo: “inauguramos a exposición de Cunchas, fósiles e insectos de David López que durará ata o 25 deste mes. Só é esta semana, por cuestións loxísticas, pero seguro que vai aproveitar aos visitantes. O horario de mañá é de once e media a unha e media e pola tarde de seis e media a oito e media, agás a fin de semana que só é pola tarde. Desde a Concellaría de Cultura estamos seguros de que vai ser moi interesante e vai espertar a curiosidade non só nos máis pequenos senón tamén incluso aos maiores. Merece a pena vir vela así que recomendamos visitala a todos, á xente que estea de paso ou á ribadense”.
O autor da mostra, David López, explicou que “eu intentei facer unha exposición que lograse dous obxectivos. Un deles é que a mostra fora interesante, por iso collín especies e fósiles da zona, e por outro lado que fose vistosa con especies de mares tropicais, de zonas abisais, etc… Eu penso que á xente que veña lle vai gustar non soamente pola rareza dos exemplares senón porque tamén son moi interesantes. Poderá ver, por exemplo, os diferentes tipos de vieiras que hai, todos os tipos de navallas que hai nas costas europeas, etc… Creo que vai ser unha exposición moi bonita e interesante”.
David López contou que “hai aproximadamente dous centos de especies distintas de cunchas. Entre elas se poden ver especies de augas frías, de zonas árticas e tropicais e tamén algunha especie que se pode coller aquí de zonas practicamente abisais. De bolboretas escollín algunha especie vistosa e que se poida explicar algunha característica delas, como por exemplo porque teñen os colores e as formas e tamén hai unha sección dedicada ás especies de aquí. De fósiles hai algo representativo das distintas épocas, paleozoico, mesozoico e cenozoico, para que se poida explicar como van evolucionando as especies, como se van extinguindo e como fosilizan. Diso se trata, de que sexa unha exposición vistosa e á vez interesante”.