Foz, 15 de xullo de 2021. Corenta nenos e nenas con idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos desfrutarán este verán do minicampamento A Conquista de Foz II, no marco da campaña de verán que ofrece á mocidade a Consellería de Política Social.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe aos 20 nenos e nenas que participan na primeira quenda da actividade, que comezou o pasado luns e remata mañá. O minicampamento desenvolverase de novo do 23 ao 27 de agosto.
Os rapaces desfrutan de actividades de deporte e aventura en contacto coa natureza, como sendeirismo, xincanas, orientación, busca do tesouro, xogos na praia, obradoiros medioambientais ou teatro. Tamén coñecerán unha mostra do patrimonio cultural de Foz cunha ruta polo Castro de Fazouro.
Arias explicou que o Goberno galego organiza por segundo ano os minicampamentos Coñece Galicia, que teñen a particularidade de que son estadías rápidas de cinco días de duración con aloxamento en establecementos hoteleiros.