Viveiro, 1 de xullo de 2021. O Concello de Viveiro informa ás familias dos nenos e nenas participantes no Campamento de Verán dos detalles do comezo da actividade.
A primeira quenda de participantes comezará o vindeiro luns día 5, no pavillón do CEP Lois Tobío. O horario é de 08.30 a 14.00 horas, coa posibilidade de entrada ás 10.00 para as familias que así o desexen. A hora de saída será flexible dende as 13.00 ata as 14.00 horas.
As nenas e nenos que figuran admitidas/os na listaxe publicada en data 27/06/2021 non teñen que realizar ningún trámite para, no caso de quedar prazas vacantes na quenda de agosto, poder participar nese mes. Como se establece no artigo 4b. das Bases de Selección do Campamento Urbano de Verán 2021, esta adscrición realizarase atendendo ao criterio da orde de inscrición e farase pública na listaxe definitiva de participantes que será publicada este venres, 2 de xullo.
Durante o campamento, desenvolverase unha programación de actividades lúdicas, fomentando a cooperación, o traballo en grupo, a aceptación da diversidade, así como o desenvolvemento da creatividade.
Sempre que o tempo o permita realizaranse as actividades no exterior do recinto.
Para a recollida das nenas e nenos por parte das persoas autorizadas que figuran nas solicitudes, é necesario que estas entreguen fotocopia dos DNIS/NIES das mesmas ás monitoras encargadas do campamento.
Por último, o Concello informa que as nenas e nenos participantes levarán:
– Unha bolsa con merenda e botella de auga.
– Gorra e protección solar.
– Máscara e outra de reposto con funda para gardala.