Estes órganos conforman un dos máis salientables elementos do patrimonio histórico-artístico-musical galego, peninsular e mesmo europeo. Construídos entre 1762 e 1765 polo notable organeiro compostelán, Alberto de la Peña (1707-1787), constitúen un magnífico exemplo do que deu de sí a organería galega e peninsular no Barroco, nun dos momentos de maior esplendor na arte da construción de órganos.
O equipo estará tres días traballando, realizando un pormenorizado estudo dos mesmos, inventariando o material conservado e indagando na documentación histórica dispoñible, referida á súa construción.
De carácter multidisciplinario, este equipo está composto polo experto en restauración e conservación de órganos, e profesor de fundamentos de organería na Escola Superior de Música de Cataluña, Óscar Laguna; Belén Bermejo, experta en protección do patrimonio e xestora cultural e Andrés Díaz, músico, investigador e experto en patrimonio organístico e un dos impulsores do Proxecto de Catalogación dos Órganos de Galicia.
Dos traballos desta fin de semana sairá unha proposta fundada, e debidamente contextualizada, sobre o alcance da necesidade e conveniencia da futura restauración dos instrumentos e a súa valoración económica.
ACTIVIDADES A REALIZAR DURANTE A FIN DE SEMANA DENTRO DO MARCO DE ESTE PROXECTO
Como complemento aos traballos de campo dos expertos, están previstas unha charla didáctica sobre os órganos e unha visita contextualizadora que permitirán coñecer máis a fondo os valores e riquezas que estes instrumentos agochan.
As actividades terán lugar o domingo á 11.00 h no coro da igrexa e é precisa inscrición previa no correo electrónico patrimonio.laurentino@gmail.com ou a través dun whatsapp nos números de teléfono 649281791/ 67729726. Aforo limitado a 15 persoas.