Site icon Crónica3.com A Mariña

Comezou este xoves o servizo de socorrismo nas praias de A Rapadoira, Llas e Areoura

Foz, 1 de xullo de 2021. O Concello de Foz iniciou hoxe, xoves 1 de xullo, o servizo de socorrismo nas praias de A Rapadoira, Llas e Areoura, con dez socorristas titulados, incluído o xefe de equipo.

Ademais o concelleiro de Turismo, Chema Linares, anuncia que o próximo luns, día 5, “incorporaranse 7 auxiliares para o servizo de salvamento e 2 auxiliares sanitarios, para completar un total de 19 profesionais dedicados á prevención e ao rescate nos areais focegos. Con estas incorporacións o próximo luns contarán con servizo de salvamento, ademais de A Rapadoira, Llas e Areoura, as praias de Peizás e Polas”

O alcalde, Fran Cajoto, pon en valor “o esforzo económico que está a facer o Concello de Foz, que financia directamente 14 dos 19 profesionais contratados inicialmente. Ademais en próximos días sairá unha nova convocatoria de socorristas titulados na que se ofertarán 3 prazas para completar o servizo, para o que animan a todos a presentar solicitude”.

Para rematar destacan que “como ven facendo este goberno, priorizarase a seguridade dos bañistas antes que os distintivos; en todo caso prevese izar a bandeira azul na Rapadoira, que leva sendo moitos anos a praia de referencia da Mariña”.

Exit mobile version