Site icon Crónica3.com A Mariña

Chegan as Festas do Carme de Foz, adaptadas á normativa Covid

Foz, 12 de xullo de 2021. O Concello de Foz organiza os días 15, 16, 17 e 18 de xullo unha celebración de pequeno formato para honrar á patroa dos mariñeiros. Coa colaboración da asociación O Noso Foz e a Confraría da Virxe do Carme estes días estarán cheos de pequenos actos e actuacións musicais.

O día 15, xoves, ás 19 horas será a inauguración da exposición na honra de Suso do Bahía, ex cronista oficial de Foz, no CENIMA. Ás 21 horas haberá o pregón, que estará a cargo do novo cronista oficial, Xoán Ramón Fernández Pacios, na praza Conde de Fontao. Ás 22 horas o grupo Nostalgia amenizará a noite cun concerto con butacas e os debidos protocolos na mesma Praza Conde de Fontao.

O venres 16, día grande do Carme de Foz, haberá misa ás 12 horas na Praza Conde de Fontao, que estará engalanada cunha alfombra floral; na fronte máis mariñeira de Foz, a carón do noso porto pesqueiro. Ás 13.30 horas será a quenda da actuación musical e baile tradicional da agrupación O Feitizo, e a sesión vermú a partir das 14 horas estará amenizada na praza Conde de Fontao por un DJ e na zona da Rapadoira polo grupo Mister Hathawai. Ás 22 horas en Conde de Fontao actuará o grupo D’Cano e na Rapadoira Jorge Menendez Quartet.

O sábado 17 a sesión vermú estará a cargo do grupo Cosas de Casa na Praia da Rapadoira, na Praza Conde de Fontao actuará a Banda Municipal de Música de Foz e na rúa Álvaro Cunqueiro contaremos cun DJ. Pola noite, ás 22 horas será a quenda de Queen Pro Quo, na Rapadoira, e Cosas de Casa en Conde de Fontao.

O domingo día 18 ás 14 horas actuarán Dos punto com na Praza na Rapadoira e o trío Los de La Bamba en Conde de Fontao.

O concelleiro de Festas, Javier Fraga, e a concelleira de Cultura, Inés López, indican que o aforo será limitado en todas as actividades, con control dos accesos en cumprimento da normativa COVID. O presidente da Asociación O Noso Foz, Ángel Fernández Neira, invita a todos os focegos e visitantes que nos acompañan a celebrar estes días con sentidiño e coas máximas medidas de seguridade, pregando responsabilidade a todos os que queiran acudir a elas.

Desde o Concello de Foz agradecen o traballo de todos os que farán posible esta programación nunha situación complicada: asociación O Noso Foz, Confraría da Virxe do Carme, alfombristas e, por suposto, colaboradores, operarios municipais e forzas de seguridade.

O alcalde, Fran Cajoto, desexa a todas as veciñas e veciños do concello “unha moi feliz xornada na celebración máis tradicional e mariñeira, que se fai extensiva tamén ás parroquias de Santa Cilla, Cangas, San Martiño ou Nois, que tradicionalmente tamén honran á Virxe en distintas datas”.

Exit mobile version