Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira lamenta que PSOE e BNG eviten sumarse ao proxecto de AJE Lugo nos Fondos Next Generation

Lugo, 27 de xullo de 2021. O voceiro do Grupo Provincial do Partido Popular, Javier Castiñeira, lamenta que PSOE e BNG “ridiculicen a quen traballa”, evitando sumarse ao proxecto de AJE Lugo nos Fondos Next Generation. Os populares levaron esta moción ao pleno porque “é o futuro” e para impedir que o goberno provincial siga “chegando tarde a todo”.

“Reaccionaron tarde á crise sanitaria. Negaron axudas ao tecido económico e empresarial. Falaron do 1% pero que aínda non chegou. Trouxeron un plan Impulsa baseado na propaganda; iso si, a Xunta de Galicia xa vai polo terceiro plan. Pero isto son fondos do futuro, que van ter que xestionar, polo que lles pedimos que non se durman”, sinalou Castiñeira.

A este respecto, e dada que a nova convocatoria da Unión Europea supón unha oportunidade para impulsar a provincia, o popular afeou ao goberno que “non se nos chamase para nada”. “Seguimos sen ter noticia do que queren facer, pero o PP segue traballando en diferentes sectores cun operador desta provincia como é AJE, que presentou un proxecto. Levamos tres semanas coñecendo as súas circunstancias e os retos económicos e sociais para esta provincia”, subliñou.

A este respecto, o voceiro puxo en valor que o proxecto da asociación luguesa “é unha aposta polo futuro da provincia e do noso rural, e afronta problemas estruturais, como son o reto demográfico, o papel da muller, a transición ecolóxica, o relevo xeracional, o emprendemento, a dixitalización do sector primario, a competitividade dos produtos autóctonos; en definitiva, temas que son o futuro e polo que merece a pena traballar con este colectivo”, remarcou.

Castiñeira considerou “gravísimo” que o goberno provincial recoñecese “que non se enteraron de que van ter que xestionar estes fondos, cando outras Deputacións xa están traballando. E iso de que a culpa de que o Tomé non chame á oposición é de Feijóo ímoslla anotar para o libro de anécdotas”, ironizou.

“O que queda claro, dixo é que poñen en dúbida a valía de AJE”. “Non é unha burla; unha burla é non ter preparado isto e rirse como está facendo a Sra. Porto. A nós o que non nos fai gracia é que a provincia non avance”, sentenciou.

Casona de O Incio
En contraposición á política do non do goberno provincial cando as propostas van da man do Grupo Provincial do PP, os populares si que aceptaron a emenda presentada conxuntamente por PSOE e BNG para solucionar o estado de abandono no que se atopa a Casona de O Incio, que é titularidade da Deputación. Segundo expuxo o vicevoceiro José Antonio García este edificio “é un emblema do patrimonio de Lugo e do Concello, polo que os veciños non merecen todo o desprezo dos presidentes socialistas durante 14 anos, que non fixeron nada e hoxe está en risco inminente de caer de forma definitiva”, exclamou.

García relatou todos os incumprimentos que os diferentes gobernos de esquerdas cometeron durante todos estes anos respecto a este proxecto. “Foi iniciado polo Partido Popular con Francisco Cacharro como presidente e dende iso o que houbo foron improperios e incumprimentos. No ano 2015 representantes desta Deputación, ante a caída parte do inmoble, falaron do inicio inmediato de obras para salvar este símbolo do Incio. No ano 18 esiximos a esta Deputación a execución das obras, que foi rexeitada, unha vez máis, por parte dos que estaban no goberno. No ano 19 houbo novo anuncio de rehabilitación inmediata para rehabilitar. No ano 21 volvemos a falar do mesmo requerimento, que tamén foi rexeitado. Só agardamos que non pase o mesmo que coa Botica de Guitiriz. O único que vemos, dixo o vicevoceiro do PP, e que nos temas importantes o que temos son risas, pero os veciños e o alcalde de O Incio non o van permitir”, matizou.

O popular lamentou os argumentos esgrimidos polo equipo de goberno, xa que “Suplusa só tivo presidentes do Partido Socialista”. “Agardamos que para o auditorio de Lugo si que teñan definido o uso”, ironizou, ao tempo que sinalou: “na súa emenda ínstanse a si mesmos, a apuntalar o edificio, pois fágano antes de que caiga; á rehabilitación integral, fágano tamén; deseñen o uso e conten co Concello, cuxo alcalde leva dous anos tentando falar co presidente”, concluíu.

Outros asuntos
O Grupo Provincial do PP, en aras de sumar e de facer unha oposición construtiva, apoiou a proposta de goberno para reclamar á Xunta de Galicia un plan de recuperación dos cadros de persoal do SERGAS, reforzo da atención primaria e mellora no rastrexo da Covid; así como a moción socialista para solicitar á administración autonómica axudas para paliar os danos sufridos polos cultivos de vide de Chantada.

Logo de que o BNG rexeitase a emenda de substitución proposta polo PP para mellorar a moción dos nacionalistas destinada a que a negociación da PAC 2023-2027 se produza con todas as garantías para os gandeiros galegos e os lucenses, en particular, os populares abstivéronse na votación.

Tal e como xa anunciaran en días pasados, no apartado de Rogos, o Grupo do PP solicitou á Deputación o arranxo inmediato de vairas estradas provinciais pertencentes aos concellos de A Pobra do Brollón e de Cervantes. Trátase das LU-P 4707 e LU-P 4711, no primeiro, e da LU-P 0702 do segundo.

Exit mobile version