Foz, 02 de xullo de 2021. No pleno do día de onte, comprobouse unha vez máis o desinterese e a falta de traballo do goberno local de Foz. É algo que se constata a diario, segundo sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, pero que na sesión plenaria de onte quedou plenamente de manifesto no debate do orzamento municipal para o ano en curso. O voceiro popular destaca que as institucións públicas, e quizás aínda máis os concellos, deben aprobar as súas grandes contas a final de ano, para que poidan entrar en vigor nos primeiros días do exercicio ao que corresponden. En Foz o orzamento chegou ao pleno no último día de xuño, é dicir, como mínimo con seis meses de retraso. E por riba, no seu contido, é un completo engano aos veciños, e, por iso, sinala Castiñeira, os concelleiros do PP dixeron non á proposta presentada polo goberno presidido por Cajoto.
Castiñeira sinala: “Non é só que os orzamentos chegaran tarde, mal e arrastro, como o ano pasado, unha vez pasados os primeiros seis meses do exercicio; é que foron elaborados sen dar participación ao movemento veciñal e aos demais grupos políticos da corporación. Lamentable, dende o punto de vista da participación, que foi inexistente. Pero lamentable tamén é a demostración do afán recadatorio do goberno de Foz, ata o punto de que pretenden recadar pola vía impositiva 8.178.000 euros, todo un récord”. Lembra que o PP presentou once propostas e ningunha foi tomada en consideración.
O portavoz popular destaca algúns dos tributos cos que o goberno municipal vai premer sobre a economía dos veciños. “Pretenden ingresar 54.000 euros máis pola contribución (IBI) urbana e rústica que no ano 2019 cando gobernaba o PP; é algo que criticaban enormemente e acusaban ao goberno do PP de ter afán recadatorio. Agora, este goberno quere recadar moito máis. O mesmo pasa co imposto dos vehículos, no que se prevén case 20.000 euros máis que no 2019. Igualmente chama poderosamente a atención o imposto de plusvalía, case 30.000 euros máis que no 2019, é dicir, un 50% máis do que recadaba o goberno do PP”. Os populares indican que as cantidades citadas son suficientemente reveladoras de como vai afectar este orzamento aos veciños de Foz.
Castiñeira explica tamén: “No capítulo de gastos teñen practicamente un millón de euros máis que no 2019. Desa cantidade, 300.000 euros van dirixidos a aumentar o gasto corrente. Neste sentido, é chamativo que o capítulo de festas siga subindo dos 200.000 euros. Tamén se segue contratando máis que no 2019”.
As grandes contas de Foz poñen de manifesto as falsidades que encerraban as promesas electorais dos que hoxe gobernan Foz. Neste sentido, no PP destacan que no plan económico para o ano en curso “non hai previsión algunha para as municipalizacións que se prometeron”. Polo contrario, “hai máis gasto en publicidade e propaganda do equipo de goberno, concretamente 15.000 euros máis que no 2019; tamén se encargan máis estudos técnicos externos, en concreto 34.000 euros máis”.
Castiñeira lembra “a frase ben coñecida do alcalde de que co seu goberno Foz ía cambiar dende o primeiro día”, e sinala: “Hai que dicir que, efectivamente, cambiou: hai menos consenso, chegan os orzamentos máis tarde que no 2019; hai máis presión impositiva para conseguir máis recadación, máis contratación externa, máis propaganda, ningunha municipalización, carencia de axudas as pemes e autónomos, máis conflitos e nada de urbanismo”.
Para os populares, nestes orzamentos faltan compromisos claros. Cita así que nada se sabe da reforma do local para os xubilados, nin dos 50.000 euros que, por acordo plenario, deberían figurar cada ano para compensar aos veciños de Forxán pola instalación alí da nova depuradora de residuais.