Para Carme Aira, “nos centros de saúde da contorna de Lugo pode chegar a faltar o 60% do persoal médico, como está a acontecer en Castro de Rei, reducindo as consultas ás urxencias, o que provoca un déficit asistencial de cara á veciñanza, que ten que pasar por lista de espera para conseguir unha cita na atención primaria”. Estas faltas de persoal tamén destacan no persoal de enfermería, o que produce, segundo Carme Aira “que as traballadoras e traballadores non poidan darlle unha atención axeitada ás usuarias”.
O BNG propón garantir a atención primaria presencial a toda a poboación galega, ”unha atención primaria de calidade”, segundo explicou Carme Aira. O BNG defende blindar a atención primaria e garantir a que todas as persoas que o precisen poidan asistir a unha consulta médica. O BNG pedirá tamén protocolos claros para finalizar coas discriminacións e desigualdades que se veñen detectando na atención desde o inicio da pandemia. Carme Aira defendeu que “a atención recibida ten que ser segura e de calidade, non ten que depender de a que centro de saúde ou con que profesional se atope unha persoa”.