Site icon Crónica3.com A Mariña

Cajoto satisfeito trala aprobación do orzamento do Concello

Foz, 3 de xullo de 2021. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, valora moi positivamente o pleno da corporación municipal celebrado este pasado xoves, día 1 de xullo, no que se aprobou o orzamento do Concello para este ano.

“Cambiamos a orde dos asuntos a tratar e en primeiro lugar a totalidade da corporación deu o seu apoio ao comité de Alcoa, aprobando por unanimidade que a SEPI garanta que unha firma industrial seria e con proxecto de futuro se faga cargo da factoría e se aseguren deste xeito uns postos de traballo fundamentais para Foz e para toda a comarca da Mariña”, explicou o rexedor municipal.

Fran Cajoto destacou que “o punto máis importante foi a aprobación dos orzamentos do 2021 do Concello de Foz, asunto no que FPF se abstivo e o Partido Popular votou en contra, aínda que sen ningún tipo de motivación, segundo se desprende do pleno. Fíxose un traballo serio e responsable, unhas contas axustadas á realidade e nas que o Concello fai un esforzo considerable xa que se manteñen uns gastos de 8,17 millóns de euros a pesar de baixar a carga impositiva pola supresión de taxas como a das terrazas. Estamos a esforzarnos por axudar á recuperación económica de todo o sector produtivo local e o que non podemos tolerar son enganos ou manipulacións do Partido Popular de Foz. O lixeiro aumento na recadación do IBI vén derivado pola recuperación do mercado inmobiliario xa que cada vez máis xente está apostando por vivir en Foz, o que se reflexa nun aumento dos empadroamentos. En ningún momento se aumentou a carga impositiva, como si fixo o Partido Popular de forma reiterada, durante catro anos consecutivos, en plena crise do ladrillo, ata un 57 por cento”.

O alcalde engade que “os máis de 450.000 euros de investimentos con fondos propios que se recollen nas contas levan nomes e apelidos, como a renovación da tubaxe de abastecemento na rúa Eduardo Pondal, a reposición da escollera no Camiño do Cantábrico, en Fazouro, ou a adquisición de terreos para a nova EDAR. Somos transparentes e honestos e vámolo seguir sendo. Satisfeito, moi satisfeito, porque Foz conta cuns orzamentos responsables cos que seguir medrando”.

Exit mobile version