Burela, 2 de xullo, 2021. Esta semana iniciouse a “Ruta Xacobea do Bonito de Burela”, que, dentro da campaña “Orixe & Destino Galicia” percorrerá este verán restaurantes da rede de Paradores ubicados en diferentes rutas do Camiño de Santiago.
Santiago de Compostela e a súa Praza do Obradoiro, destino de millóns de peregrinos, sirven agora como punto de partida para a terceira edición desta iniciativa da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e Paradores.
No restaurante do Parador de Santiago de Compostela Hostal dos Reis Católicos saboréanse desde o xoves estas receitas elaboradas con bonito do norte chegado da lonxa de Burela: “Ensalada de tomates de temporada, láminas de Bonito de Burela e queixo galmesano” e “Bonito de Burela amendoado con marmelada de amoras e xenxibre”.
As xornadas gastronómicas do bonito de Burela celébranse ata o domingo no Parador de Santiago e continuarán o vindeiro fin de semana no Parador de Lleida con novas receitas. Nas seguintes semanas esta peculiar Ruta Xacobea atravesará a península ibérica do leste ao oeste polos Paradores de Santo Domingo da Calzada (A Rioxa) e León, a través do Camiño Catalán, a Ruta do Ebro e o Camiño Francés.
Esta acción denomínase “Orixe & Destino Galicia” porque o bonito do norte e a pescada do pincho parten da lonxa de Burela e volven a Galicia seguindo o Camiño de Santiago: dous produtos pesqueiros de Burela, sete rutas xacobeas, dez Paradores, seis comunidades autónomomas e a mesma orixe e destino: Galicia.
Esta campaña, que se inclúe no Plan de Produción e Comercialización de OPP Lugo e está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMP, combina a calidade do produto pesqueiro de Burela, a gastronomía de Paradores e as rutas do Camiño de Santiago