Deste xeito, o popular, que mantivo un encontro de traballo co voceiro neste municipio, José Manuel Gómez Puente, para analizar a situación, insta á rexedora a confirmar “se é certo o que dixo de que o Goberno central lle ía financiar unha parte da depuradora e se realmente conseguiu fondos na Deputación”; administración esta última que, ao igual que na entidade local, “goberna o Partido Socialista e o BNG”. “Por certo, tampouco podemos esquecer que o voto do Bloque Nacionalista Galego foi decisivo para poñer ao Sr. Sánchez na Moncloa”. Por este motivo, insiste en que, dado que os nacionalistas “foron o que o puxeron”, o que cómpre nestes momentos “é dicir se teñen ou non a financiación buscada”.
O deputado autonómico lembra, ademais, que o convenio de execución, que data de 2010, incluíu un acordo de financiamento a partes iguais por parte da entidade local, Xunta de Galicia e Deputación de Lugo. “O Concello ten dende hai un ano enriba da mesa un ofrecemento de financiar un terzo ou a parte que poña a Deputación. É dicir, se esta achega o 50%, a Xunta correspondería coa mesma cantidade. Por iso, o que toca agora é cumprir e render contas”, insiste.
O PP lidera esta demanda
O Partido Popular liderou esta demanda hai meses, co fin de atallar “un problema que nos preocupa e ocupa a todos os veciños”. “Creo que é a nosa responsabilidade como grupo político chegar a onde o equipo de goberno non chega. Se á alcaldesa lle molesta, isto di moi pouco do seu talante político, pero o que non podemos permitir é que non se cumpra o que ela mesmo dixo publicamente”, sentencia Gómez Puente.
E é que segundo destaca, “o compromiso do PPdeG respecto deste asunto é incuestionable. Por iso os compañeiros ata o levaron ao Parlamento, co fin de constatar o cumprimento do Goberno de Galicia, a pesares de que o abastecemento e o saneamento de auga son competencias municipais”.