Site icon Crónica3.com A Mariña

Balance do departamento de inmigración e emigración no primeiro semestre do ano do Concello de Viveiro

Viveiro, 30 de xullo de 2021. O Concello de Viveiro, a través da concellería de Benestar Social, informa sobre a labor do Departamento de Inmigración/Emigración do Concello, o cal dentro do Plan de Inclusión solicitado realizou durante o primeiro semestre deste ano 2021 os seguintes programas, centrados no emprego, a formación, a lingua, o reforzo escolar, o asesoramento e a mediación intercultural. A continuación, detállase o balance de cada programa.

PROGRAMA ITINERARIOS DE INCLUSIÓN SOCIOLABORAL DE TRANSICIÓN AO EMPREGO


Dende o 1/12/2020 ao 30/06/2021, foron 828 horas, nas que completaron o itinerario un total de once persoas (dez mulleres e un home), das cales nove atoparon emprego. Os itinerarios deseñados foron adaptados as características e necesidades de cada un dos/as usuarios/as, prestando asesoramento personalizado sociolaboral e familiar, como en materia de estranxeiría, ata a formación en técnicas de busca activa de emprego e habilidades sociais.
Durante todo o itinerario existe un seguimento e apoio continuo, ademais de traballar a motivación e autoestima a través dunha participación activa. Realizáronse un obradoiro de HH.SS e outro de Autoestima para mulleres inmigrantes e dúas xornadas grupais de Orientación Laboral. Con respecto aos obxectivos propostos considérase que foron acadados tanto dende o punto vista técnico como participante.

PROGRAMA DE FORMACIÓN ADAPTADA ADULTOS

Co obxectivo de mellorar o acceso e mantemento ó mercado laboral, este programa ofreceu dous obradoiros de 20 horas de alfabetización dixital, entre o 1/12/2020 ao 30/06/2021, nos que participaron 16 mulleres e 3 homes.

PROGRAMA FORMACIÓN LINGÜÍSTICA E NOS VALORES DA SOCIEDADE DE ACOLLIDA

Neste caso realizouse dunha banda, un obradoiro de Alfabetización e reforzo de galego e castelán para adultos, un dos máis demandados e, habitualmente, existe lista de espera, debido ó carácter individualizado do mesmo. Dende o 1/12/2020 ao 30/06/2021 impartíronse 342 horas creáronse dúas aulas de alfabetización, en función das necesidades do alumnado en horario de mañá para favorecer a conciliación familiar e laboral. Participaron cinco mulleres e un home.

Doutra banda, levouse a cabo unha formación nos valores da sociedade de acollida. Esta actividade realizouse os luns e xoves, durante un total de 108 horas dende o 1/12/2020 ao 30/06/2021. Realizouse un percorrido a través dos costumes e tradicións de todo o territorio español, facendo especial fincapé, na nosa comunidade autónoma. Tamén se abordaron temas tan complexos como a Constitución Española e a realidade social e cultural española, coa finalidade de facilitar a aprendizaxe de contidos mínimos en estas materias e posteriormente, presentarse ao exame para obter a cidadanía española. Participaron tres mulleres e dous homes.

PROGRAMA DE REFORZO ESCOLAR PARA ALUMNADO INMIGRANTE

Ademais, impartíronse 96 horas de reforzo en primaria e 96 de reforzo en secundaria, dende o 1/12/2020 ao 30/06/2021, a través de dúas aulas de apoio individualizado. Os participantes desta actividade, habitualmente son menores de orixe estranxeiro en idade escolar obrigatoria derivados polos propios centros educativos. En total, beneficiáronse do programa dez menores de Educación Primaria e sete de Educación Secundaria.

PROGRAMA DE ASESORAMENTO E ATENCIÓN XURÍDICA- LEGAL, SOCIAL E ADMINISTRATIVA

Esta acción é a que abrangue máis volume de atencións personalizadas xa que dende o 1/12/2020 ao 30/06/2021 véñense mantendo un número aproximado de 150 consultas ao mes das cales 62 foron incluídas na plataforma de Inclusión. Contaron con asesoramento 37 mulleres e 25 homes.

PROGRAMA DE MEDIACIÓN INTERCULTURAL

Este programa busca garantir o acceso e uso dos servizos públicos e conseguir a plena participación da poboación inmigrante en tódolos ámbitos en condicións de igualdade. Neste caso realizáronse moitas mediacións entre institución educativas, sanitarias e administrativas, facilitando a comunicación e o entendemento daqueles que o idioma segue a ser unha barreira para o desenvolvemento da vida cotiá.

Outra das mediacións máis demandadas foi sobre o cambio na maneira de interactuar coas administración públicas, que á barreira do idioma se lle suman tódalas solicitudes de trámites de estranxeiría, becas ou prestacións de maneira telemática. Os obxectivos establecidos foron acadados a través de 1302 horas dende o 01/12/2020 ata o 30/06/2021.

Exit mobile version