Lourenzá, 17 de xullo, 2021. No pleno municipal da corporación Laurentina do pasado xoves dia 15 de Xullo dende o BNG presentamos unha moción para a creación do “Primeiro concurso morfolóxico do cabalo de pura raza galega en Lourenzá”, para realizarse dito concurso en Setembro-Outubro do presente ano.
Durante as últimas semanas dende o grupo nacionalista mantivemos conversas coa Asociación de Pura Raza Galega (PURAGA), da que saíu a idea da creación de dito concurso así como a posta en valor do proxecto de PURAGA da recuperación do cabalo marchador galego, cunha exhibición de andadura e unha carreira.
A corporación municipal votou a favor de forma unánime, polo que a moción do BNG saíu aprobada e Lourenzá contará este Outono con un dia lúdico dedicado ao noso cabalo.
Dende o BNG Laurentino amosámonos contentos de que se vaian a realizar estes actos que servirán para poñer en valor a cultura e tradición galega, pero tamén para traer xente a nosa vila axudando así ó comercio e hostalería local.
Queremos agradecer o apoio das outras 2 forzas políticas da corporación ó votar a favor, así como do equipo de goberno local.