Viveiro, 21 de xulllo de 2021. O Concello de Viveiro informa que na Xunta de Goberno Local de hoxe se aprobaron as bases reguladoras e a convocatoria das novas axudas de impulso da actividade económica no termo municipal de Viveiro para paliar os efectos da Covid-19.
Estas bases teñen por obxecto establecer a regulación (solicitude, tramitación, concesión, xustificación, pago e reintegro) e convocar as subvencións municipais destinadas a paliar o impacto derivado da Covid-19 sobre os pequenos empresarios e autónomos de Viveiro que tivesen unha baixada de facturación de, polo menos, o 50% no exercicio 2020 respecto do 2019 pola pandemia.
A finalidade destas axudas é protexer e apoiar o tecido produtivo e empresarial de Viveiro constituído polas microempresas, pequenas empresas, autónomos, comunidades de bens, sociedades civís ou entidades económicas sen personalidade xurídica.
A contía destinada polo concello a atender estas subvencións ascende a un importe total de 69.110,00 euros, concedéndose unha cantidade fixa de 850 € a cada beneficiario, ata agotarse o crédito destinado á convocatoria.
Poderán solicitar esta subvención aquelas persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades económicas sen personalidade xurídica que tivesen unha alta anterior ao 15.03.2020 e que acrediten unha baixada de facturación de, polo menos, o 50% no exercicio 2020 respecto do 2019, ou en caso de alta no primeiro trimestre de 2020, acrediten unha baixada de facturación de, polo menos, o 50%, no resto de trimestres de 2020 con respecto ao primeiro trimestre.
Así mesmo, terán dereito a este axuda as actividades que tiveron alta posterior a dita data sempre e cando acrediten a efectividade de gastos para dita apertura con anterioridade ao 15.03.2020. Non poderán acollerse a estas axudas aquelas persoas ou empresas que fosen beneficiarias das axudas concedidas polo Concello de Viveiro en 2020 para actividades que se viran afectas polo peche de establecementos.
O prazo de presentación de solicitudes será de un mes a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo.
Por outra banda, lémbrase que o Concello de Viveiro adheriuse ao II Plan de Rescate da Xunta de Galicia para a concesión de axudas directas ao sector da hostelería cuxos negocios se viron afectados por peches de actividade ditados polas autoridades sanitarias a causa da Covid-19.
En virtude deste convenio, o Concello de Viveiro concede a cada un dos establecementos beneficiarios unha axuda de 1.000 euros. Segundo a información facilitada pola Xunta de Galicia, presentáronse un total de 118 solicitudes; destas, 113 foron resoltas favorablemente e 5 teñen pendente de subsanar algunha cuestión que xa lles foi requerida.
Ambas axudas, destinadas ao sector da hostalería e do comercio, estaban incluídas no 2º Plan de Reactivación Económica, segundo o acordo adoptado entre este equipo de goberno e o grupo municipal Por Viveiro, por importe de 200.000 euros.