Establecer como medidas para este verán:
1. Establecer un horario que permita o acceso dos animais ás praias despois das 21h e até as 10h, nos meses de verán.
2. Habilitar polo menos unha zona verde de esparcimento para cans, de maneira permanente ou con delimitación horaria.
Como medidas a curto-medio prazo:
1. A creación de zonas permanentes para cans, ou con horario, nas praias e zonas verdes de Viveiro, á maior brevidade posible no tempo.
2. Contar coa colaboración da veciñanza así como de asociacións de animais de Viveiro para a escolla das localizacións e o acordo das normas de convivencia que rexerán nestas áreas que han de recollerse a través da modalidade legal que máis se axuste, sexa Ordenanza, Regulamento ou calquera outra fórmula.
3. Realizar campañas de concienzación relacionadas coa necesidade de recoller e limpar os excrementos das mascotas, incluídos ouriños. Promovendo que as persoas donas dos cans leven xunto coa bolsa un frasco de auga con xabón ou produto desinfectante para que cando ouriñe o can nunha zona pública se bote ese líquido.
4. Reanudar as xuntanzas de traballo para acordar o texto da Ordenanza Municipal reguladora da tenza de animais e da Ordenanza reguladora de uso e aproveitamento das praias.
María Loureiro afirmou recibir protestas veciñais de cans soltos e excrementos nos areais, tentando xustificar así a prohibición de cans en praias as 24h durante todo o verán. Tamén foi taxante en que, como este verán xa lanzaran o Bando de prohibición que non se podían desdecir, como se calquer bando, notificación ou prohibición non se puidera revertir e emitir un novo.
Para a portavoz do BNG de Viveiro, Míriam Bermúdez, “tomouse a medida más fácil que tamén é a que menos traballo dá, prohibir. Todo o que sexa prohibir sen dar alternativas é un erro. Existen alternativas de baixo custe e pouco ambiciosas que permiten o uso compartido de praias e zonas verdes da veciñanza coas mascotas, como é por exemplo poñer horarios, acoutar zonas con estacas e cordas, e/ou colocar paneis informativos coas normas de convivencia e as sancións por incumprimento.”
“O feito constatable é que en Viveiro a datos de 2018 segundo Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía, hai 2.434 cans, cifra que problablemente sexa superior a 2021 e que non todos os cans esteñan rexistrados, polo que existe a necesidade de regular as normas de convivencia necesarias para previr e controlar as molestias e perigos que os animais podan causar, como tamén para garantir o dereito dos animais a desenvolverse dunha maneira equilibrada,” dixo Míriam Bermúdez.
Míriam asegurou que “é tal esta necesidade, que existiron varias iniciativas veciñais para solicitar espazos para mascotas a través de dúas recollidas de sinaturas, rexistradas no concello e coa promesa da alcaldía de ser atendidas, mais nada sen ten feito. É máis, aínda poñen problemas a cada un dos puntos desta moción e optan pola abstención.”
Desde o BNG aseguran que estarán atentas para o cumprimento desta moción por parte do Goberno de María Loureiro, e recordanlle que aínda hai moitas mocións do BNG aprobadas sen se aplicar.