Viveiro, 14 de xullo, 2021. Aprobada a moción do BNG neste pleno de xullo, para sacar o enreixado que separa Viveiro co mar desde a altura do antigo Casino até case Celeiro.
Un enreixado decolorido e roñoso que impide desfrutar dunhas vistas idílicas a paraxes emblemáticos do noso concello como son a Praia de Covas, a entrada da ría ou o Porto Deportivo, enmarcándoas nunha estética penintenciaria e incluso de arresto. Chama a atención que sexamos o único concello da Mariña que teña delimitada desta maneira a zona portuaria, moito máis se miramos cara Europa.
A moción defendida pola concelleira do Bloque, Míriam Bermúdez, propoñía retirar o innecesario enreixado instalado na LU-862 que comeza no antigo Casino de Viveiro cara Celeiro, para abrir un abanico de posibilidades para novos usos públicos. Entre estes novos usos aprobados na moción, están:
. A creación dun carrilbici que una Viveiro e Celeiro nunha vía cómoda e segura para bicicletas e patíns eléctricos, cun custe mínimo de pintura e sinalización para a súa implementación.
. Habilitar aparcamentos conectados a través de escaleiras e rampas coa zona da beirarrúa xa existente, para servizo do Centro de Saúde, hostalaría e tendas da zona de Lodeiro suporía facilitar o acceso a estes servizos.
A moción aprobouse, mais non por unanimidade pola abstención do PP que, ao ser unha zona en propiedade de Portos non quixeron comprometer á Xunta de Galiza, antepoñendo así o partidismo ao beneficio das veciñas e veciños.