A Mariña, xoves 15 de xullo 2021. Na tarde de hoxe, as responsables comarcais do Bng e Galiza Nova, Ana Ermida e Pilar Vázquez presentaron os actos que terán lugar na Mariña previos á celebración nacional do Día da Patria Galega que baixo o lema “Galiza sen límites” terá lugar en Santiago o 25 de xullo.
Este sábado 17 en San Cibrao, na Praza da Casa da Cultura ás 12 da mañá terá lugar o acto no que ademais da portavoz nacional Ana Pontón intervirán tamén cargos orgánicos e institucionais da comarca coma Ana Ermida, Pilar Vázquez, responsable comarcal de Galiza Nova, Daniel Castro, deputado no Parlamento e Diego Fernández, portavoz municipal en Cervo.
Un acto aberto a todas as mariñás e mariñaos
“Nestes dous últimos anos, difíciles e complexos para a nosa comarca púidose comprobar como as mariñás e mariñaos fomos capaces de exercer a nosa dignidade colectiva coa loita e o traballo de todas e cada unha de nós e de todos os sectores sociais, económicos e produtivos, que resistiron e resisten diante desta pandemia e diante de moitas das discriminacións que as administracións estatal e autonómica tiveron e teñen para esta comarca” Nestes términos expresouse a responsable comarcal Ermida Igrexas, quen convidou tamén a todos os mariñaos e mariñás a compartir esta celebración co BNG o vindeiro sábado en San Cibrao. “Compartimos días de loita na rúa coa sociedade mariñá e o sábado queremos compartir tamén con tod@s este acto lúdico e ao mesmo tempo reivindicativo, tal como dice tamén o lema da celebración “Contigo un Bng sen límites” concluíu Ana Ermida
Desde o BNG comarcal tamén informan que por motivos de protocolo anticovid haberá que acreditarse para acceder ao perímetro donde se celebrará o acto, polo que recomendan ir con antelación.
Galiza Nova despregará unha gran bandeira da Patria nas localidades costeiras – Solidariedade co sector pesqueiro –
Desde Galiza Nova anunciaron o despregue da bandeira patriótica en diversos puntos da comarca durante esta semana, ao igual que se fixera en anos anteriores. A responsable comarcal da formación xuvenil Pilar Vázquez indicou que “estes actos van ter lugar nos concellos costeiros da Mariña, actos en clave de solidariedade co sector pesqueiro, un sector sempre no fío da navalla, vítima sempre de decisións tomadas por administracións nas que Galiza é marxinada e ninguneada, coma nos casos do recente Regulamento Europeo de Pesca ou no reparto de cotas”. “A nosa comarca é altamente dependente da pesca e ninguén pode ser alleo á situación que vive o sector”, afirmou.