Site icon Crónica3.com A Mariña

Alberto Riquer na súa presentación: “Burela ten un gran prestixio pola súa seriedade como club”

Burela, 23 de xullo, 2021. Unha auténcia lenda sobre as pistas e con bagaxe internacional nos bancos. Alberto Riquer intérnase no proxecto do Pescados Rubén Burela FS de Primeira Masculina con grandes metas e ilusións; así o deu a coñecer acompañado polo presidente laranxa, Manuel Blanco, na súa presentación oficial.

“Foi unha decisión doada, desde o primeiro momento que xurdiu a posibilidade mostreime con interese e ganas. Non é só a posibilidade de estar en Primeira División en España, na mellor liga do mundo, senón que Burela ten gran prestixio como club, tanto xogadores coma adestradores coñecemos a súa seriedade e sabemos que é unha entidade na que se pode traballar con bos medios” explicaba o novo técnico burelista.

Tras o seu paso nos bancos do Bardral Urayasu xaponés en 2018 e o Feldi Eboli da Serie A italiana en 2020, disputando a final da Coppa Italia e a final four polo Scudetto, o madrileño amósase pletórico estreando experiencia como primeiro adestrador en España: “O sentimento é de responsabilidade, de moitas ganas, moita ilusión e co desexo de empezar xa, pero sobre todo co obxectivo de devolver con traballo toda a confianza que depositaron en min; como técnico estou a repetir os pasos da miña traxectoria como xogador” confesaba o que fora campión do Mundo e de Europa coa Selección Española.

Riquer estará á fronte para as dúas próximas tempadas: “A idea é dar continuidade ao proxecto, é un bo punto de partida, comezar a traballar cunha base consolidada. Temos boas posibilidades e agora o que falta en poñernos canto antes a traballar”, reflexionaba o estratego xunto a Manuel Blanco, dándolle a benvida á Familia Laranxa: “Alberto achegará o seu gran traballo, baseado na dilatada experiencia e traxectoria como xogador e evolución internacional como adestrador. Temos por diante o obxectivo de seguir coa consolidación en Primeira”.

Riquer traballará nun Pescados Rubén Burela FS que non renunciará a nada en 2021-22: “Cada ano hai moita máis igualdade; plasmouno esta tempada Levante disputando a final de liga. En calquera zona da táboa hai cada vez máis equilibrio. Espero unha liga moi, moi competida; a filosofía base debe ser que non debemos renunciar a nada ante ninguén pero tamén tendo sempre moi presente que se baixamos un pouquiño a rendibilidade pode custar moi caro”.

O novo técnico laranxa coñece moi ben Vista Alegre, sufriuno: “É un dos puntos de referencia de Burela, a Bancada Laranxa. Eu sufrín esa presión da bancada como rival nos meus anos como xogador e agora espero sentir a favor ese apoio. Espero que sexa o sexto xogador que precisaremos en moitos momentos da tempada” explicaba Riquer, desexando unha competición máis normalizada, poñendo todos o noso gran de area: “Oxalá a situación vaia mellorando, que se poidan ir relaxando os protocolos. Teremos que estar pendentes de cada día, coa responsabilidade de cada un, para superalo todos xuntos como sociedade. Oxalá poidamos ver o pavillón de Vista Alegre cheo”.

Exit mobile version