Gabeiras & Asociados representa a ADEGA no recurso ordinario sobre o Incidente de Execución da Sentenza de 18 de xullo de 2005 da Sala do Contencioso Administrativo da Audiencia Nacional -confirmada por sentenza do Tribunal Supremo de 8 de maio de 2008- en canto ao importe das plusvalías obtidas por Endesa pola venda de Electra de Viesgo a ENEL. Este é o primeiro paso deste procedemento xurídico, no que se pide que se proceda a liquidar os CTC tecnolóxicos das instalacións referidas en dita Sentenza. O exceso de CTC cobrados polas empresas eléctricas desde 1998 ata 2006 pode cifrarse nun importe global que oscila entre os 1.500 e 2.800 millóns de euros. Para determinar a cantidade exacta é necesaria a execución da Sentenza da Audiencia Nacional mencionada.
As organizacións reclaman que este exceso de CTC cobrados polas empresas eléctricas debe ser reintegrado ao sistema eléctrico co destino que determinen as autoridades reguladoras, restituíndo ás persoas consumidoras de forma directa ou indirecta este exceso dos custos pagados.
Unha norma derrogada por obrigar ás eléctricas a devolver os cartos cobrados en exceso
En 1997, o Goberno de Aznar aprobou a Lei do Sector Eléctrico, unha profunda reforma para incorporarse ao mercado europeo, abandonando o Marco Legal Estable e iniciando o camiño da liberalización e da competencia. Ante a posibilidade de que non se puidesen recuperar os investimentos realizados debido ás variacións da retribución con este novo sistema, creáronse os “Custos de Transición á Competencia” (CTC). O novo sistema de mercado fixo que, non só non perderan diñeiro, senón que gañaran máis do previsto e, ademais, cobraran CTC en exceso. Ningún dos distintos gobernos esixiu a devolución destes pagos, e en 2006 derrogouse a norma que obrigada a tal cumprimento. Porén, este dereito non prescribiu e polo tanto é plenamente esixible.
Lamentablemente, de novo, temos que ser a sociedade civil e ás consumidoras as que reclamemos os nosos dereitos fronte os abusos das compañías eléctricas mentres as administracións públicas lles conceden inmunidade e numerosos privilexios que sitúan a cidadanía na total indefensión.