Este proxecto eólico, un da ducia longa (e contando) que ameazan a comarca do Eume-Ortegal, ten unha especial significación por situarse a escasos metros do Parque Natural das Fragas, abeirándoo polo Sul con 13 muíños de 180 m de alto, qulómetros de pistas, desmontes e unha liña de alta tensión de case 50 km até o Mesón do Vento.
A afectación destas instalacións ao parque das Fragas é brutal, atinxindo ademais á área de ampliación proposta polo bipartito en 2008 e asumida, anque mutilada, pola Xunta en 2011. O proxecto non só vai afogar aínda máis o xa maltreito Parque Natural das Fragas do Eume (masacrado por eucaliptos, incendios, encoros, minaría…), senón que tamén vai coartar as posibilidades de ampliación e impedir a conexión con outros espazos mediante corredores ecolóxicos.
Alén disto, as obras proxectadas desenvolveranse sobre áreas con presenza de hábitats prioritarios, fundamentalmente queirogais húmidos (NAT 4020*), aqueles que a Comisión Europea considerou imperativo preservar. Estes hábitats de matogueiras e brañas turbosas son chave para aumentar a resiliencia contra a mudanza climática e mesmo funcionan como sumidoiros naturais de carbono, fixando até tres veces máis CO2 que os bosques maduros. Paradoxalmente Iberdrola quere destruilos para “evitar a xeración de CO2” (e de paso engordar a súa conta de beneficios).
Consecuencias da aperta do Obradoiro: unha Rede Natura a medida das eólicas
Arestora, a única limitación territorial para a implantación de parques eólicos é a Rede Natura 2000. O seu Plano Director recolle (art. 60) esta prohibición, agás nos casos dos repotenciamentos. Mais recentemente a lei de simplificación administrativa suprimíu a obriga de situar os parques dentro dunha ADE (área de desenvolvemento eólico), dinamitando o Plano Eólico ao deixar a discreción da Xunta permitilo ou non. Xa que logo, a Rede Natura 2000 configúrase como a única “liña vermella” fronte á invasión eólica.
Eis unha das razóns polas que esta figura de protección europea conta en Galiza coa menor superficie (12%) de todo o Estado (media 27%), maila a contarmos con máis biodiversidade que outros territorios. Tampouco é casual que, malia a existiren procedementos de infracción abertos pola Comisión Europea pola baixa representatividade de determinados hábitats na RN 2000 galega, as propostas de ampliación desta rede leven conxeladas dende 2011. Mesmo o pasado ano coñecimos que a Xunta retirara definitivamente a ampliación da RN2000 que ía trasladar ao Ministerio para “recopilar la información base para una nueva propuesta”.
Non cabe dúbida que a famosa “aperta do Obradoiro” entre Núñez Feijóo e o presidente de Iberdrola Sánchez Galán (que vén de ser imputado pola Audiencia Nacional no “caso Villarejo”) ten moito a ver coa preguiza da Xunta en completar a Rede Natura 2000 e dotar aos espazos protexidos das ferramentas de xestión que garantan a súa conservación.
No caso das Fragas do Eume, a Xunta segue a demorar (e van xa 25 anos) a aprobación do PRUX (Plano Reitor de Uso e Xestión) do Parque Natural, perpetuando a situación cada vez máis crítica dun espazo que eléctricas e pasteiras consideran pouco menos que a súa finca particular.