O acordo básase principalmente en aspectos organizativos xa que as liñas programáticas de socialistas e nacionalistas para o concello neste mandato son semellantes e en moitos casos complementarias. No novo organigrama que contempla a participación do BNG no goberno municipal os edís nacionalistas formarán parte da Xunta de Goberno Local e desempeñarán as seguintes funcións: Eduardo Chao González, 1º Tenente alcalde e concelleiro de Cultura, Normalización Lingüística e Medio Rural e Eliseo Teijeiro Orol, concelleiro de Obras e Deportes e 3º Tenente alcalde. O resto de concellarías correspóndenlle ao PSdeG-Psoe.
A corporación do Valadouro está formada por 4 edís do PSdeG-Psoe (lista mais votada), 4 do PP, 2 do BNG e 1 de Udival e ata agora gobernaba o PSdeG-Psoe en mínoría.
“Este acordo de goberno terá como base o consenso e o diálogo entre as nosas formacións políticas para dar resposta ás demandas da veciñanza, pois o noso compromiso principal é coas veciñas e veciños do Valadouro” manifestaron Edmundo Maseda e Eduardo Chao.