Site icon Crónica3.com A Mariña

Acisa valora de xeito moi positivo o traballo realizado polo Concello para que o Sergas faga este venres un cribado e anima a toda a mocidade citada a participar

Ribadeo, 21 de xullo de 2021. Acisa valora de xeito moi positivo o traballo realizado polo Concello de Ribadeo para que o Sergas faga este venres, día 23, un cribado entre a xuventude e anima a tod@s @s que sexan citados a participar. A patronal ribadense amósase moi preocupada polo aumento dos contaxios de covid e consideran que este cribado pode axudar a controlalo.

Francisco Iriarte, presidente de Acisa Ribadeo, sinalou que “quero agradecer que se realice este cribado por parte do Sergas e quero especialmente agradecerlle ao Concello a súa insistencia para poder facelo. A situación que estamos a vivir de aumento de casos é complexa e Acisa non pode quedar de lado nin parada, xa que os que primeiro imos pagar as consecuencias imos ser os empresarios. Por iso Acisa no dia de onte púxose á enteira disposición do Concello para facer todo o que estivera na nosa man e iso tradúcese en facer chegar a mensaxe de que se debe acudir ao cribado a todos as mozas e mozos que sexan citados para este venres pola tarde no pavillón novo mediante sms e con idades comprendidas entre os 18 e 29 anos. A economía da vila depende de que podamos rematar o verán sen restricións ou coas mínimas posibles”.

O responsable da patronal ribadense insistiu en que “é moi importante que sexamos conscientes do que nos estamos a xogar. A tempada de verán acaba de empezar e dar pasos atrás agora é un risco para a nosa economía, para o noso comercio e a nosa hostalaría. Sexamos todos escrupulosamente cumpridores coas normas tanto xoves como maiores, veciños e visitantes”.

Pola súa banda o xerente de Acisa, Jesús Pérez, dixo: “eu teño 27 anos, podo ser citado para o cribado e teño moi claro que vou ser o primeiro en acudir. Os xoves temos que ser conscientes de que somos persoas de risco, primeiro porque podemos ter a enfermidade, ser asintomaticos e levala á casa e infectar aos nosos familiares, pais e avós, como se está vendo aínda que teñan a vacina posta. En segundo lugar, e non menos importante, podemos enfermar nós mesmos que estamos sen vacinar, podendo pasalo mal, chegando ter que estar illados nunha habitación dun hospital ou o que é peor nunha UCI, onde estarás inconsciente e na mais absoluta soidade. Por iso é importante que nos coidemos e acudamos ao cribado. É mellor estar uns poucos días na túa casa se es positivo, que correr o risco de acabar no hospital ou nun sitio do que non hai volta. E terceiro, se todo o anterior non vos convence, a xente nova que sexa citada debe saber que si non acude e resulta estar infectado, estará contribuíndo a que aumenten as restricións e polo tanto, poidan votalo do traballo, votar aos seus pais, e perder toda canta opción de ocio temos ata o de agora, como ir aos bares, as terrazas, saír de noite ou mesmo viaxar”.

Pérez Prada engadiu: “dende Acisa pedímoslles aos mozos e ás mozas de Ribadeo que si vos chega o sms do Sergas acudades ao cribado. Si es pai ou nai dun rapaz ao que lle chega a mensaxe, pídelle que vaia, que si tedes traballadores nesa idade pedídelles que vaian e deixádelles ir aínda que sexa en horario laboral e que entre todos fagamos, por dicilo así, pedagoxía social estes días. Si coñeces a xente que é chamada para facer o cribado anímao a ir, pídelle que vaia e se non quere, recórdalle os riscos que iso ocasiona para el ou ela e para o resto”.

Desde Acisa subliñaron: “debemos frear a cadea de contaxios, que nos pode levar a una situación de restricións que non nos podemos permitir”.

Exit mobile version