Lugo, 12 de xullo de 2020. Este luns abriuse o prazo para solicitar as axudas da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao tecido cultural. Segundo se recolle nas bases, as asociacións poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 23 de xullo.
A convocatoria recolle dúas liñas de achegas, unha destinada á realización de actividades de interese cultural, e outra dirixida a financiar investimentos en equipamento ou melloras nos locais sociais.
As subvencións oscilan entre os 300 e os 3.000 euros, en función dos baremos establecidos nas bases que, entre outros aspectos, priorizan as iniciativas das asociacións con maior traxectoria na dinamización cultural e as de concellos de menos de 2.000 habitantes.
A área de Cultura destina 200.000 euros a estas convocatorias anuais que verten recursos ao tecido asociativo, co obxectivo de facilitar o acceso á actividade cultural en todo o territorio e dinamizar os sectores económicos vinculados á creación e á produción cultural.
Os formularios de solicitude e as indicacións sobre a documentación que se require en cada caso están dispoñibles na web cultura.deputaciónlugo.gal, no apartado Subvencións e programas de axudas.
A tramitación realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Deputación de Lugo. As dubidas sobre o procedemento poden consultarse de forma individualizada nos teléfonos 982- 260260 ou 982- 260 058
e tamén a través dos enderezos electrónicos secretariacultura@deputacionlugo.org e carla.bejarano@deputacionlugo.org