Site icon Crónica3.com A Mariña

Aberto o prazo para solicitar a nova liña de axudas da Deputación para a dotación e mellora de servizos no rural

Lugo, 28 de xullo de 2021. A Deputación de Lugo abriu hoxe o prazo para solicitar as subvencións do programa de Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, unha nova iniciativa da institución provincial para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas do rural que conta cunha dotación económica de 300.000€. Trátase dunha liña de axudas de concorrencia competitiva á que, tal e como informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, poderán optar durante un mes -ata o vindeiro 28 de agosto- as entidades asociativas da provincia, segundo aparece recollido no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do día de onte, 27 de xullo, cando se publicaron as bases do programa.

Poden pedir estas axudas, que oscilarán entre os 1.000 e os 6.000€, entidades asociativas, tales como asociacións e agrupacións de veciños e veciñas, comunidades de usuarios e usuarias de augas, comunidades de montes ou asociacións de gandeiros, agricultores ou produtores forestais da provincia para realizar investimentos en inmobles ou para equipamentos que sirvan para mellorar a calidade de vida, e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal.

“As actuacións que financia a Deputación a través deste programa teñen gran relevancia social para mellorar o día a día da xente. Está claro que ninguén quere vivir nun lugar se non ten os servizos que necesita, e isto é precisamente o que queremos con esta nova liña de axudas: dotar de máis e mellores servizos ó noso rural para fixar poboación”, explicou García Porto. A voceira recalcou que con este novo programa, que estaba incluído nos Orzamentos deste 2021, “queremos seguir reforzando a cooperación co tecido social da provincia”.

Actuacións subvencionables
Entre as actuacións subvencionables atópase a mellora, adecuación do firme ou sinalización de vías públicas comunais e os seus accesos; as obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais nos que a entidade desenvolve a súa actividade; adquisición de equipamentos para os locais que resulten necesarios para o funcionamento común da entidade; obras novas de mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de augas comunitarias, promovidas por comunidades de usuarios de augas; construción de depósitos de auga comunitarios ou acondicionamento e recuperación dos existentes, así como das súas captacións, canalizacións e acometidas; e obras de acondicionamento e recuperación de espazos públicos comunais, fontes comunais e a súa contorna.

Exit mobile version