Trátase dun trámite necesario para que Augas de Galicia poida acometer unha actuación que se enmarca nas competencias municipais do Concello de Viveiro e que suporá un investimento por parte da Administración autonómica de 3,8 millóns de euros, correspondentes ao 100% do custo da actuación.
Segundo o previsto no Decreto 59/2013 que regula a colaboración técnico-financeira de Augas de Galicia cos municipios en materia de infraestruturas hidráulicas, cómpre que o Concello de Viveiro someta o proxecto, elaborado tamén por Augas de Galicia, a un proceso de información pública durante un período de 20 días hábiles.
Posteriormente, o Concello debe aprobar o dito proxecto no pleno municipal e adquirir, tamén mediante acordo plenario, o compromiso de poñer á disposición da Xunta os terreos necesarios para as obras, ademais de a asumir a explotación e mantemento das instalacións.
Ademais de elaborar o proxecto e de financiar e executar as obras, Augas de Galicia está a tramitar ante Costas do Estado, a nome do Concello de Viveiro, a concesión da ocupación do dominio público-marítimo terrestre afectado pola actuación.
As obras de saneamento de Celeiro e a mellora da condución de vertido súmanse ás que actualmente está a executar a Xunta na depuradora, cun investimento de 4 millóns de euros. Os traballos consisten na mellora das liñas de tratamento e na adaptación da estación de tratamento para recibir tamén as augas procedentes do núcleo de Celeiro.
Desta forma, o Goberno galego prevé investir un total de case 8 millóns de euros no saneamento da ría de Viveiro, financiando completamente o total das actuacións previstas e dando así un importante apoio ao municipio nas súas competencias municipais de tratamento das augas residuais.