Mondoñedo, 13 de xullo de 2021. A Xunta de Galicia investirá máis de 437.000 euros na redacción dos proxectos de rehabilitación e dirección de obra de trece inmobles adquiridos na cidade de Mondoñedo no marco do programa Rexurbe.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo licitou hoxe os contratos para a redacción dos proxectos e dirección da obras de rehabilitación dos inmobles adquiridos no casco histórico da vila, agrupándoos en catro lotes.
Un lote comprenderá os inmobles emprazados na rúa Guevara 7 e 9, Leiras Pulpeiro 11 e Progreso 10. O importe de licitación é de 124.230,18 euros.
Outro lote está formado polos inmobles da rúa Progreso 20 e Peña de Francia 4, cun importe de licitación de 104.274,33 euros.
Os inmobles situados na rúa Imprenta 2, Febrero 30 e Álvaro Cunqueiro 12 forman outro dos lotes cuxa redacción de proxecto e dirección de obra se licita hoxe, por importe de 104.706,84 euros.
Finalmente, forman parte do mesmo lote os inmobles emprazados na rúa Álvaro Cunqueiro 34, 41, 53 e 57, cun prezo de licitación de 103.866 euros.
Os trece inmobles cuxa redacción de proxecto se licita hoxe foron adquiridos polo IGVS no marco do programa Rexurbe, polo que a Xunta adquire inmobles en conxuntos históricos para a súa posterior rehabilitación como vivendas en réxime de alugueiro social. O IGVS investiu máis de 621.000 euros na súa adquisición.