Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta levantará total ou parcialmente a prohibición da pesca recreativa en 28 peiraos da Cornisa Norte

Santiago de Compostela, 6 de xullo, 2021. A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a traballar nun cambio normativo que permitirá levantar a prohibición da pesca non profesional en superficie nos peiraos en 106 das 122 dársenas de titularidade autonómica. Así o explicou esta mañá a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, nunha resposta a unha pregunta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo no Parlamento de Galicia. A responsable do ente público indicou que deste xeito a Xunta autorizará no 85% das dársenas unha actividade que está prohibida desde 1972 de acordo tanto coa lexislación estatal como galega.

Entrada en vigor

O cambio normativo, que se atopa en fase avanzada de tramitación, non entrará en vigor ata a publicación da resolución no DOG e farase efectivo a través do procedemento correspondente en sede electrónica da Xunta de Galicia. Portos de Galicia traballa co obxectivo de que ao longo do verán poida quedar levantada a prohibición. Unha vez vixente, poderase iniciar a actividade toda vez que se teña completada a solicitude con toda a documentación requirida, sen esperar resolución expresa. A autorización solicitada terá vixencia dun ano caducando pasado este ou se vencese o seguro obrigatorio.

Entre os requisitos figurarán a inscrición na sede electrónica da Xunta, a obrigatoriedade de formalizar un seguro de responsabilidade civil e a sinatura dunha declaración responsable de cumprimento das obrigas exixidas. O non cumprimento destas indicacións ou as que poida aportar o persoal celador gardapeiraos será motivo de retirada da autorización. Desde o ente público establécense todos estes condicionantes co obxectivo de primar a seguridade das persoas e as instalacións así como a actividade portuaria e e a profesional, náutica, de pasaxe e servizos auxiliares, para os que se reserva o solo portuario.

A posta en marcha desta iniciativa que dará seguridade aos afeccionados á pesca recreativa, é froito da demanda social sen esquecer a seguridade e o marcado carácter estratéxico do dominio público portuario.

Exit mobile version