Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta lamenta a irresponsabilidade do ministro Garzón ao atacar o sector cárnico e reafirma o seu apoio a este eido produtivo esencial do agro galego

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021. A Xunta lamenta as declaración do ministro de Consumo, Alberto Garzón, animando aos cidadáns a consumir menos carne, cando por parte do Goberno galego, en colaboración co sector, hai un esforzo firme e decidido por impulsar os nosos sectores primarios e nomeadamente o da carne. Nesa liña, celebramos a postura do ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA), Luis Planas, que si aposta por fomentar o consumo de carne entre a sociedade española.

Así, a Xunta considera que é precisa a colaboración das administracións públicas para promover o sector cárnico, que ten un peso moi importante na nosa economía. De feito, por parte da Xunta estamos elaborando unha Estratexia de dinamización do sector da carne, como xa se fixo co do leite e como se está a facer co do viño, en estreito contacto cos axentes destes ámbitos produtivos. Facémolo por responsabilidade, conscientes da capacidade de xeración de riqueza e emprego que ten este sector, e sempre cun enfoque sustentable. Nesa dirección, cabe destacar que esta Estratexia contemplará un amplo programa de iniciativas pensadas para impulsar este sector primordial do noso agro, incentivando aos produtores e fomentando o consumo de carne.

Así, dende a Consellería do Medio Rural compartimos a inmensa preocupación amosada polos axentes do sector cárnico galego e español diante da desafortunada intervención do ministro do Consumo e considerámola “inxusta e fóra de lugar”. Así, reafirmamos o noso apoio e colaboración para cos seus axentes (gandeiros, industria e distribución), tal e como defende o ministro de Agricultura. Nesa liña, seguiremos cooperando para reforzar a mensaxe clara cara aos consumidores de que a carne galega e española é un produto de primeira calidade, san e seguro, recomendable e saboroso, que cómpre seguir fomentando e apoiando. Nese senso, somos contundentes co apoio aos gandeiros galegos, plenamente concienciados co coidado do medio ambiente e a sustentabilidade.

Apoio da Xunta

O apoio da Xunta ao sector da carne é palpable e así se amosa no feito de que 4.621 produtores de gando vacún recibiron preto de sete millóns de euros en axudas directas do Goberno galego para sufragar parte das perdas derivadas da covid-19. Así mesmo, a rede Mercaproximidade continúa activa ofrecéndolles aos gandeiros de vacún -entre outros- a posibilidade de vender os seus produtos nas principais cadeas de distribución que operan en Galicia. Do mesmo xeito, as súas producións foron incluídas nas compras solidarias efectuadas pola Xunta para cederlles a hospitais, bancos de alimentos ou cociñas económicas.

Por último, cómpre destacar que Galicia conta con diferentes selos de calidade diferenciada vinculados ao sector, como son as indicacións xeográficas Ternera Gallega, Vaca e Boi de Galicia e Lacón Galego, que contan co amparo das institucións europeas como distintivos de máxima calidade e que acadaron, grazas ao esforzo de gandeiros, industria e distribución, un notable prestixio nos diferentes mercados nacionais e internacionais. En total, segundo datos de 2020, engloban 9.559 produtores e 143 industrias, cun valor económico global próximo aos 127 millóns de euros.

Exit mobile version