Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta impulsa a rehabilitación de cinco inmobles concedendo 1,2 m€ en préstamos sen xuros a tres concellos da provincia, entre eles Barreiros e Mondoñedo

Barreiros, 15 de xullo de 2021. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda impulsa na provincia de Lugo a rehabilitación de cinco edificios que acollerán distintos servizos públicos en Barreiros, Outeiro de Rei e Mondoñedo, grazas á concesión de préstamos sen xuros por importe global de 1,2 millóns de euros, a través do Fondo de Cooperación.

Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, durante unha visita a Barreiros, onde se reformarán o teleclub e as antigas escolas de San Cosme. No primeiro caso concedéronse 513.200 euros de financiamento para remodelar as instalacións, que acollerán proxectos de dinamización económica e social; así mesmo, destínanse 200.600 euros ás escolas, para albergar un arquivo e outras dependencias administrativas e sociais.

Arias lembrou que desde xuño está aberta unha nova convocatoria deste Fondo de cooperación para apoiar o financiamento de actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, e o prazo para presentar solicitudes remata o 1 de outubro.

O programa, que xestiona o Instituto Galego de Vivenda e Solo, reserva nesta edición case 4,5 millóns de euros para permitir aos concellos recuperar e definir novos usos en inmobles que están infrautilizados.

Arias invitou aos concellos lucenses a presentar os seus proxectos e beneficiarse destes préstamos sen xuros, que deberán devolver á Administración galega nun prazo máximo de oito anos. Recordou que os incentivos serven tanto para levar a cabo actuacións de rehabilitación como para adquirir os inmobles para a súa posterior recuperación.

O delegado lembrou que este programa é unha mostra do compromiso do Goberno galego coa conservación e recuperación do patrimonio construído. Así, en Outeiro de Rei destináronse 44.500 euros á adquisición da antiga Cámara Agraria para destinala a servizos sociais, e 80.000 euros á compra doutro inmoble que xa está en obras e albergará un centro de día.

Por último, Mondoñedo acadou 450.000 euros de financiamento na convocatoria do 2019 para adquirir un inmoble, no que instalou un centro de atención de menores.

Exit mobile version