Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina preto de 700.000 euros a impulsar proxectos de mellora en oito parques empresariais da provincia, entre eles os de Cervo e A Pontenova

Lugo, 8 de xullo de 2021. A Xunta de Galicia aprobou axudas que suman preto de 700.000 euros (687.300 euros) para impulsar obras de mellora en oito polígonos industriais da provincia de Lugo.

O delegado territorial da Administración galega, Javier Arias, informou da resolución da orde de achegas dirixidas a concellos para modernizar as infraestruturas dos parques empresariais, que beneficiará aos municipios de Cervo, O Saviñao, Monforte de Lemos, Chantada, Begonte, Monterroso, A Pontenova e Rábade, onde grazas a estas axudas prevese unha mobilización final nos proxectos de 1,1 millóns de euros.

En concreto, en Cervo a Xunta destina 240.000 euros a financiar dous proxectos no polígono de Cuiña, un deles orientado a dotar de beirarrúas unha marxe da vía de acceso LU-P-1510 (sentido Burela-San Cibrao); e outro para mellorar a xestión de residuos.

Tamén se conceden 120.000 euros para o acondicionamento e ampliación dun camiño público no parque industrial do Reboredo (Monforte de Lemos) e igual contía para ampliar a EDAR da área Acivros (Chantada).

Así mesmo, a Xunta destina 74.200 euros a mellorar a rede viaria do polígono da Pontenova; 40.900 euros para actuar nos accesos ao parque do Peago (O Saviñao); 40.500 euros á segunda fase de instalación do sistema de vídeo vixilancia en Rábade; 29.900 euros para mellorar as infraestruturas de recollida de residuos en Begonte e 21.800 euros ao repintado das marcas viarias no polígono de Monterroso.

Arias apuntou que as axudas poden alcanzar ata o 80% do importe dos proxectos cun límite de 120.000 euros para solicitudes individuais. Entre outros criterios, valórase de xeito especial que os solicitantes sexan Concellos Emprendedores, pero tamén se ten en conta a superficie do parque empresarial, o nivel de ocupación ou a poboación do municipio.

Esta liña de achegas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación pretende favorecer unha actualización permanente dos parques industriais De Galicia para dar resposta ás necesidade de infraestruturas, comunicacións ou de adecuación ás novas exixencias.

Exit mobile version