No transcurso dunha visita os Cines Ribadeo, que reabren esta fin de semana despois de máis dun ano pechados como consecuencia da crise sanitaria, Arias subliñou que o Plan de reactivación da cultura presta especial atención ao sector audiovisual con seis liñas de axudas para apoiar as distintas fases do proceso, desde a creación ata a exhibición en espazos privados ou festivais.
Nesa liña, referiuse á nova orde de achegas activada este ano para colaborar coas salas de cine, que na comarca da Mariña beneficia aos Cines Ribadeo con 7.400 euros e a Cinesa Viveiro con 10.000 euros. As axudas van dirixidas a financiar accións de adaptación dixital, cumprimento das medidas sanitarias, campañas promocionais, reforzo de producións galegas e europeas e oferta de descontos ou convites a público infantil, xuvenil ou a colectivos profesionais recoñecidos polo seu labor durante a pandemia.