No transcurso dunha visita ao parque acompañado polo alcalde da Pontenova, Darío Campos, Arias apuntou que con esta ampliación habilitaranse seis novas parcelas que ocuparán en total 5.140 metros cadrados, o que supón unha dimensión media de 856 m2 por parcela. Tamén se definirán estruturas viarias e algo máis de 1.000 m2 de zonas verdes.
Arias explicou que unha vez que xa foron aprobados os correspondentes instrumentos de planeamento, na actualidade está contratado o proxecto de valoración dos terreos precisos para executar as obras.
O Goberno galego prevé que este ano Xestur poida iniciar a compra dos terreos necesarios para a expansión do polígono e licitar o proxecto de urbanización.
Na actualidade esta área industrial ocupa unha superficie total de 103.662 metros cadrados e dispón de 45 parcelas, todas elas vendidas. Fíxose grazas ao convenio que Xestur e o Concello da Pontenova subscribiron no ano 1992 para a promoción e xestión dunha actuación urbanística co fin de crear solo industrial no municipio.
Arias destacou o impulso da Xunta aos parques empresariais lucenses para favorecer o asentamento de empresas e, nese sentido, lembrou que o Goberno galego vén de conceder ao Concello da Pontenova unha achega de 74.200 euros para mellorar a rede viaria do polígono.