A Pontenova, 30 de xullo de 2021. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, informou hoxe na Pontenova dos avances na tramitación administrativa para ampliar o polígono empresarial deste concello cunha nova fase que ocupará unha superficie de 10.313 metros cadrados.
No transcurso dunha visita ao parque acompañado polo alcalde da Pontenova, Darío Campos, Arias apuntou que con esta ampliación habilitaranse seis novas parcelas que ocuparán en total 5.140 metros cadrados, o que supón unha dimensión media de 856 m2 por parcela. Tamén se definirán estruturas viarias e algo máis de 1.000 m2 de zonas verdes.
Arias explicou que unha vez que xa foron aprobados os correspondentes instrumentos de planeamento, na actualidade está contratado o proxecto de valoración dos terreos precisos para executar as obras.
O Goberno galego prevé que este ano Xestur poida iniciar a compra dos terreos necesarios para a expansión do polígono e licitar o proxecto de urbanización.
Na actualidade esta área industrial ocupa unha superficie total de 103.662 metros cadrados e dispón de 45 parcelas, todas elas vendidas. Fíxose grazas ao convenio que Xestur e o Concello da Pontenova subscribiron no ano 1992 para a promoción e xestión dunha actuación urbanística co fin de crear solo industrial no municipio.
Arias destacou o impulso da Xunta aos parques empresariais lucenses para favorecer o asentamento de empresas e, nese sentido, lembrou que o Goberno galego vén de conceder ao Concello da Pontenova unha achega de 74.200 euros para mellorar a rede viaria do polígono.