Site icon Crónica3.com A Mariña

A “Red Europea de Celebraciones de Semana Santa y Pascua” candidata a ser Itinerario Cultural Europeo coa participación do Concello de Viveiro

Viveiro, 1 de xullo de 2021. A “Red Europea de Celebraciones de Semana Santa y Pascua” vén de aprobar a presentación do expediente para a candidatura da institución como Itinerario Cultural Europeo.

Esta rede está participada polo Concello de Viveiro e pola súa Semana Santa, representada na Xunta de Cofradías polas súas tres irmandades, catro cofradías e a venerable Orde Terceira franciscana.

A “Red Europea de Celebraciones de Semana Santa y Pascua”, formada por municipios de todo o continente, ten por obxectivo promocionar e difundir o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, relacionada coas celebración da Semana Santa e Pascua.

A institución traballa a través de accións que poñan en valor o patrimonio, impulse en torno ao mesmo un desenvolvemento turístico sostible e contribúan a salvagardar o patrimonio inmaterial a través do traballo científico e a investigación.

A rede deu onte o seu visto bo á iniciativa, no marco da súa Asemblea Ordinaria, co voto a favor de todos os asistentes, entre os que se atopaban representantes de todos os países membros (España, Italia, Portugal Malta e Eslovenia).

A acción realizarase durante o mes de xullo e permitirá posicionarse como un atractivo cultural de recoñecido valor en toda Europa. Os Itinerarios Culturais Europeos son, dende 1987, unha invitación a viaxar e descubrir o rico e diverso patrimonio do continente.

Actualmente, máis de 30 itinerarios culturais ofrecen unha gran cantidade de actividades de ocio e educación, sendo recursos esenciais para o turismo responsable e o desenvolvemento sostible. Abarcan unha ampla gama de temas, dende a arquitectura, a paisaxe, as influencias relixiosas, a gastronomía, o patrimonio inmaterial, as principais figuras da arte, a música e a literatura europea.

Deste modo, a rede da que o Concello de Viveiro é partícipe, presentará a súa candidatura a esta categoría, propiciando o turismo na contorna e a promoción da Semana Santa de Viveiro.

Exit mobile version