Site icon Crónica3.com A Mariña

a praza dos fornos da pontenova convértese en escenario de danza co programa ‘propulsa’ da xunta

A Pontenova, 23 de xullo de 2021. A Praza dos Fornos da Pontenova convértese este domingo, día 25, a partir das 20,00 horas en escenario con catro espectáculos integrados no programa da Xunta Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio. Representaranse Voo, de Ánxela Blanco, Miñaxoia, de Clara Ferrão, Intempestiva, de Elahood, e Nexos, de Cía Exire. A iniciativa, posta en marcha este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, busca poñer en valor a riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia a partir das artes do movemento.

Voo é unha peza de danza acrobática para a rúa, unha reflexión familiar sobre as persoas desprazadas. Está dirixida e interpretada por Ánxela Blanco, con Caterina Varela e Simone Romanó na asistencia de dirección e Víctor GG-Echave na escenografía e MR. Krah na montaxe sonora. Pola súa banda, Miñaxoia, de Clara Ferrão, está dirixida por Maximiliano Sanford e con música de Jambinai e Roger Joula.

Nexos, de Cía Exire, é un espectáculo creado e interpretado por Alba Fernández e Estefanía Gómez co asesoramento coreográfico de Chey Jurado. Desvélanos a complicidade que existe entre dúas persoas, as súas memorias compartidas e a busca incesante desa lembranza que as sostén no tempo. Milos Cotelo e Cía Exire deseñaron o vestiario e Artestudio Xestión Cultural asumiu a produción e distribución da peza.

Completa o programa Intempestiva, coa que Eliahood traslada ao corpo as palabras da escritora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, Xela Arias, dende unha ollada feminina desbordada no movemento e na danza. Julia Laport e Sabela Domínguez interpretan e asumen a coreografía do espectáculo cuxa dramaturxia é de Gena Baamonde. O espazo sonoro corre a cargo de Bruno Baw e LLXNTO.

Espectáculos en 27 espazos singulares
Propulsa Danza + Paisaxe + Patrimonio arrincou o pasado 2 de xullo en Ribadeo e rematará o 29 de agosto en Ponteareas, tras percorrer 27 espazos singulares de toda Galicia. Participan 30 formacións artísticas, das que 23 son galegas e sete proceden doutros puntos de España, de Francia e de Portugal.

O obxectivo é achegarlle ao público unha nova maneira de ver a danza, mediante a mestura desta arte escénica co patrimonio e a paisaxe de diferentes espazos singulares do territorio galego, como praias, cabos, fragas, fervenzas, miradoiros, catedrais, museos, hórreos ou castros.

Deste xeito, Propulsa Danza+Paisaxe+Patrimonio permite levar a danza a concellos onde esta disciplina artística non soe formar parte das súas programacións culturais, ao tempo que sirve de promoción turística de lugares singulares. Ademais, búscase fomentar a creación contemporánea de danza e atraer novos públicos, xunto coa creación de sinerxías coas administracións locais e os tecidos asociativos de cada zona.

A iniciativa insírese na colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e Turismo de Galicia para o desenvolvemento de diferentes propostas culturais no marco do Xacobeo 21-22.

Exit mobile version