Cervo, 1 de xullo, 2021. Este 1 de xullo comezaron a prestar o seu servizo os socorristas na Praia do Torno. Neste día, comezaron 4, e a seguinte semana está previsto que se incorporen 2 máis; para velar pola seguridade dos bañistas nos meses de verán (xullo e agosto).
O rexedor, Alfonso Villares, a Tenente Alcalde, Dolores García Caramés, e o edil de Turismo, David Rodríguez, achegáronse ata o areal, onde mantiveron un encontro con eles.
Xa está tamén todo o material de salvamento disposto na caseta de socorrismo; e tamén se abriron neste día os baños públicos das Praias do Torno, de Cubelas, e da Caosa.
Nos días previos, estivéronse realizando diferentes tarefas de limpeza e acondicionamento dos areais, como o asfaltado dos accesos á Praia de Rueta, ou a instalación dunha pasarela de madeira na Praia do Torno, para facilitar o acceso daquelas persoas con mobilidade reducida.
Así mesmo tamén se reforzou o número de papeleiras nos accesos ás praias e instaláronse diferentes paneis que recollen información sobre a calidade das augas dos areais –todas aptas para o baño- así como diferentes recomendacións a ter en conta no momento do baño, e ante a situación sanitaria que vivimos.
Desde o Concello animan a toda a veciñanza e tamén ás persoas visitantes a que gocen destes espazos ao aire libre cos que temos o privilexio de contar en Cervo “sempre con responsabilidade, cumprindo a normativa sanitaria actual, e respectando o medio e a contorna”.
O izado da bandeira azul da Praia do Torno está previsto que teña lugar mañá venres ás 12:00 horas.