Site icon Crónica3.com A Mariña

A portería laranxa seguirá sendo de Jozi

Burela, 30 de xullo, 2021. A hispano-brasileira Jozi Oliveira continuará engrandecendo a lenda na rede do Pescados Rubén Burela FS. Coa súa renovación, a porteira sumará xa 13 tempadas defendendo as Guerreiras Laranxas.

“Estou moi feliz por seguir na casa. En Burela teño as mellores condicións para seguir gozando do fútbol sala e vivindo o meu soño. É o traballo que me gusta e gozarei do que me queda de tempo mentres o meu corpo e a miña mente mo permitan” confesaba a experimentada meta internacional, aos seus 39 anos, cuxo éxito se centra “nunha fórmula moi coñecida: coidarse, traballar moito e ser constante”.

Aínda que Jozi xa o viviu todo coas campioas dende a súa chegada en 2009-10, segue coa ilusión intacta en busca de novos desafíos, sempre con ganas de superarse: “Amo o que fago! Gozo adestrando, xogando, preparándome para as sesións, superándome, competindo… e unha sempre quere máis. Os obxectivos a nivel de resultado non cambian moito, pero a nivel grupal e individual sempre son diferentes e iso motiva moitísimo”.

Coa solidez de Jozi xa son 11 as pezas do novo proxecto das campioas. Xunto a Ale de Paz, Leti, Jenny, Cilene, Sandra Buzón, Cami, Dany e Elena Aragón, chegan as fichaxes das internacionais Irene Samper e Elenita. Este será o segundo exercicio que comparta responsabilidade coa moza Sandra. Así será a portería laranxa de 2021-22: “Tentaremos mellorar nas dificultades que temos, medrar como porteiras e principalmente axudar o equipo para conseguir os obxectivos propostos”, explicaba a 1 laranxa con humildade.

Exit mobile version